Alberto Vilas Quinteto presenta o disco ‘Experianza’ o 2 de maio na Sala Jazz Filloa da Coruña
Este disco debut do pianista de Redondela é a terceira aposta do selo galego Azos Jazz, que conta coa dirección artística de Abe Rábade
O terceiro traballo do selo discográfico galego Azos Jazz, ‘Experianza’, acaba de ver a luz, e para presentalo en sociedade Alberto Vilas Quinteto ofrece unha xira galega porcatro localidades, que o leva este mércores á Sala Jazz Filloa da Coruña cun concerto ás 22.00 horas.
‘Experianza’ de Alberto Vilas Quinteto é o disco debut do pianista de Redondela que lle dá nome. Un proxecto persoal, sinceiro e sentido, do que forman parte Felipe Villar (guitarra), Juansy Santomé (contrabaixo), Rosolino Marinello (saxos) e Javier Barral Carro (batería). Unha proposta fresca, con raíces asentadas na tradición galega e frondosas pólas nas que se misturan múltiples sonoridades. Bill Evans, Keith Jarrett, Thelonious Monk… a ‘Experianza’ de Vilas medrou alimentada pola forza da música académica, tanto clásica como contemporánea, pero na súa identidade subxace a música americana dos 40, 50 e 60.
Abe Rábade, director artístico do selo Azos Jazz, destaca a calidade da produción e a profundidade das composicións, de primeirísimo nivel, dun disco que ten vontade de suite episódica. Unha manchea de composicións sensoriais, evocadoras, unidas por un fío conductor que leva suavemente ao oínte por entre os distintos temas.
Azos é unha aposta polo jazz vencellado a Galiza. Un selo que nace, baixo a dirección artística de Abe Rábade, para arroupar os novos valores deste xénero no país e para dar conta das colaboracións artísticas entre jazzistas de calquera parte do mundo que teñan Galiza como lugar de encontro.
ACTUACIÓNS DE ALBERTO VILAS QUINTETO:
− Sala Clavicémbalo en Lugo – 27 abril – 23.30 horas
− Sala Liceum no Porriño – 30 de abril – 23.30 horas
− Sala Jazz Filloa na Coruña – 2 de maio – 22.00 horas
− O Náutico no Grove – 5 de maio – 01.00 horas