Alberto Vilas “Naialma”

Novembro 17, 2020

Após tres discos de composicións gravadas con cuarteto ou quinteto de jazz, o pianista redondelán Alberto Vilas entrega o seu traballo máis persoal, íntimo e espido. Faino nun formato físico de libro + CD que atrapa xa visualmente. As imaxes escollidas e a narrativa dos textos sobre elas e a vida e inspiración do artista combínanse para nos transmitir a súa bagaxe como persoa e músico, coas súas formación, inquedanzas e compromisos. Do mesmo xeito, esta ducia de músicas propias interpretadas só ao piano amósanse como froito das súas experiencias sonoras, da versatilidade atinxida.

“Naialma”, nai + ialma, son anos de aprendizaxe e ensino, de composición e gravación, de proxectos propios, compartidos ou alleos. É consecuencia dunha viaxe por diferentes músicas (jazz, tango, folk, clásica, contemporánea, bandas sonoras de documentais) que foi asimilada polo artista nun equilibrio de paixón, paciencia e honestidade. Vilas non é pretensioso nin tira de artificios malia o virtuosismo que se lle supón. Busca atrapar e compartir sensacións con quen queira, aínda que só sexa por unha hora, fuxir do ruído de fondo e degustar a música.

Vivimos uns tempos asoballados por présas, tendencias, incertezas, dúbidas, polo que deben ser ben recibidos os traballos artísticos comprometidos co coidado, a meticulosidade, a calma e mesmo o silencio. Porén, non pensemos en elitismo e dificultade, porque aquí atopa conforto tanto a ouvinte erudita coma a profana. Deixarse levar pola beleza e a evocación está ao alcance de todas. É unha actitude cómplice.

Pepe Cunha, 18-novembro-2020

AXENDA