Alberta Plá and The Surprise Band en Ferrol. 14-xuño-2025

Xuño 16, 2025

Tres anos despois do espectáculo “Miedo 2.0”, Albert Pla regresaba a Ferrol con “Rumbagenarios”. Acompañado polas habituais Judith Farrés na parte electrónica e Diego Cortés á guitarra, achega proxeccións e a participación brillante de Marina Paje, Teresa Garzón e Belén Martí nos coros, palmas e baile. Todas xuntas, como The Surprise Band, repasaron a parte máis celebrada do cancioneiro do de Sabadell e ofreceron unha actuación con moito ritmo e capacidade de enganche coa audiencia, fose fan ou debutante.

Co seu habitual saio vello, guitarra eléctrica e botas de poceiro saiu só ao palco dun auditorio a media entrada (xuño resulta complicado para concertos fóra de festivais) saudando cun “Ola, ola, ola … Soy Albert y voy a cantar canciones” e tras xogar con “Bombas en Madrid” engadiu un “pero tranquilas, que no he venido solo”. Entra en escena The Surprise Band e comezan repasar “Marcelino arroyo del charco”, “Que más da si da o no da”, “Sufre como yo”, “Hongos”, “No me gusta como soy”, “Soy rebelde”, “Experiencia religiosa” (do máis divertido da noite coas imaxes de Pla lucindo marcas na pantalla), “El lado más bestia de la vida”, “Pepe Botika”, “La dejo o no la dejo” … Neste momento, antes da traca final, quedamos cunha improvisación de Diego Cortés sobre melodías varias como “Concierto de Aranjuez” ou “Entre dos aguas” e arrincando a ovación do público que vía na pantalla os seus dedos viaxar polas cordas do instrumento. E aínda quedaban outras clásicas como “Lola”, “Carta al Rey Melchor”, “La dama de la guadaña” (outro dos momentos máis aplaudidos), “Joaquín el Necio”, “Insolación” e un final e breve “El sol de verano” a capella co público en pé.

“Rumbagenarios” conserva todo o espíritu dun artista incómodo para quen habite só no correcto ou as opinións estandarizadas. O humor, a ironía, a irreverencia, algunha dose de escatoloxía e a total ausencia de glamur ou compracencia incomodan e por iso son necesarias; talvez máis ca nunca. Ademais, Plá volve amosar que é quen de se reinventar con moita solvencia nun espectáculo que conxuga diversión, frescura, baile -por ventilador rumbeiro ou samples de electrónica- … e conseguindo que o público non quite ollo das coreografías e imaxes que acompañan e teatralizan as cancións. “Lo mal que estamos pero qué bien que lo pasamos!

Pepe Cunha, 16-xuño-2025

Facebook