Ailá “Tradimensional”

Xaneiro 19, 2025

Desde o seu nacemento na Casa das Crechas co comezo da década, Ailá converteuse en pouco tempo nunha das formacións máis activas e vivas da nosa escena tradicional, con concertos abondos e chegando xa a este cuarto disco. Desde o seu debut homónimo de 2021, a banda contaba coas voces e pandeiretas de Ángela Carou e Manuele Pardo (tamén outras percusións), Xan Pampín (acordeón e bombo) e Abel Gañete (trompeta e fliscorno). Así seguiron nos discos “San Solimón” e “De Nadal” (2023) para afrontar agora un cambio sonoro significativo na banda, pois sae Abel e entra a noviña Manu Fraguela á zanfona.

Este cambio instrumental loxicamente achega un novo ar ao seu son, aínda que o selo da banda estea máis que consolidado: temas tradicionais arranxados dun seu aberto que funcionan tanto para o baile como para unha escoita máis atenta en gravación. Ademais de por esa continuidade, esta vez o disco distínguese polo acompañamento de invitadas para cada unha das dez músicas: as pandeireteiras da AF Cantigas e Agarimos, Xan Ferrás, as pandeireteiras da OCT Ultreia, Icía Kirk, Os Carecos, Andrés Pérez, Nikolay Velikov, os pandeireteiros da AC Cántigas e Frores, Daniel do Pando e as Ferriñas Bravas da ACF O Fiadeiro.

Enténdese así que “Tradimensional” resulte non só un traballo de reafirmación da proposta de Ailá senón tamén incidir no amor pola tradición, pola comunidade e recoñecer o traballo de conservación e transmisión das asociacións culturais do país que manteñen as lapas do lume máis acesas ca nunca a base de maneos, pasodobres, xotas, muiñeiras, mazurkas ou pateados. Ademais está autoeditado con sinxeleza e gusto, para levarmos a casa o escoitado no concerto.

Pepe Cunha, 19-xaneiro-2025

AXENDA

Facebook