Afundación presenta a cuarta edición de «Butaca de Jazz» no marco do seu proxecto solidario «Cultura por Alimentos»

Outubro 30, 2023

nota:

Afundación presentou esta mañá a cuarta edición do ciclo de concertos «Butaca de Jazz» na súa sede da Coruña cun cartel que inclúe nomes como Alberto Vilas, Rita María e Filipe Raposo e a banda Sumrrá. O festival celébrase no marco do programa solidario de Afundación «Cultura por Alimentos», polo que a entrada a cada concerto será a realización dunha doazón de alimentos, ademais de retirar a entrada en Ataquilla.com. No caso de que non se realice a doazón, deberase abonar a entrada. Os alimentos depositaranse nos contedores habilitados na entrada do auditorio para despois ser entregados ao Banco de Alimentos Rías Altas.

Na presentación desta mañá interveu Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación, quen destacou que «se trata dun ciclo xa consolidado no outono coruñés co que pretendemos ofrecer unha oferta de jazz de alto nivel con propostas galegas, nacionais e internacionais».

Pola súa banda, a programadora Inés Portela, de Mada Producións, explicou que «en Butaca de Jazz sempre xogamos cos formatos. Se o ano pasado presentamos tres tríos de piano, nesta edición queremos romper o tabú de que para un gran concerto fai falta unha gran formación e teremos ao trío Sumrrá, o dúo de Rita María e Filipe Raposo e o piano só de Alberto Vilas». Sumrrá subirase ao escenario da Sede Afundación coruñesa o venres 1 de decembro para ofrecer un concerto no que, segundo Manuel Gutiérrez, pianista da formación «trataremos de facer un compendio de temas representativos da nosa traxectoria, o que non quere dicir que sexa un concerto xa visto, xa que deixamos moita marxe á improvisación. Nunca tocamos un tema dúas veces igual. Nos concertos de Sumrrá sempre hai lugar para a sorpresa, e en este ofreceremos unha perspectiva do que foron estes máis de 20 anos de convivencia e traxectoria».
Pechou as intervencións Manuel Mora, presidente do Banco de Alimentos Rías Altas, para agradecer o labor de Afundación. «Manter ciclos como este é moi importante para institucións como a nosa, na que atendemos a 27800 familias da provincia da Coruña. Butaca de Jazz coincidirá coa Gran Recollida que realizamos no mes de novembro, o que nos axudará a ter alimentos para chegar aos meses de marzo e abril. O que necesitamos principalmente son alimentos precociñados, porque aforramos o consumo de enerxía para o seu cociñado a quen os recibe. Esperamos que a colaboración con Afundación continúe».

Alberto Vilas, venres 17 de novembro
Trátase dun dos pianistas e compositores máis recoñecidos de Galicia. Músico de formación clásica, enseguida comeza a iniciarse no jazz da man de músicos como Manuel Gutiérrez, Pacho Charlín, Abe Rábade, Perico Sambeat, Miguel Zenón, Jaleel Shaw, Marcus Strickland, Donald Edwards ou Víctor Prieto, entre outros.
No ano 2017 recibiu o Premio Martín Códax da Música na categoría de Música Clásica e Contemporánea, certame no que tamén resultou finalista na categoría de Jazz e Músicas Improvisadas no 2016 co seu proxecto UBUNTU. Forma parte do grupo Tangata, entre outros, e dirixe o Festival de Jazz de Ponteareas.
Na actualidade centra o seu traballo no ensino de piano e como intérprete. Aínda que forma parte de varias formacións, en «Butaca de Jazz» presentará o seu último traballo, Naialma, un fermoso proxecto a piano só.

Rita María & Filipe Raposo, venres 24 de novembro
Rita María estuda canto lírico no Conservatorio Nacional de Música de Lisboa, e jazz na Escola de Jazz de Barreiro, na ESMAE do Porto e no Berklee College of Music en Boston. Pasa a súa vida entre Estados Unidos, Portugal e Ecuador, e estas experiencias vitais poden apreciarse na súa forma de cantar. Deambula entre a improvisación do jazz, a nostalxia do fado, o experimentalismo e a fusión coa world music e o rock. Sen dúbida, unha voz que non deixa indiferente a ninguén.
Pola súa banda, Filipe Raposo conta cunha traxectoria similar á de Rita María, con formación clásica e tamén de jazz, neste caso con formación no Royal College of Music de Estocolmo. Compositor, arreglista e pianista, tamén para cinema e teatro.
En «Butaca de Jazz» presentarán o seu último traballo, When Baroque Meets Jazz, un magnífico traballo que moitos críticos describen como «unha xoia imprescindible». Unha viaxe por unha perfecta mestura de xéneros que asombrará ao público.

Sumrrá, venres 1 de decembro
Sumrrá leva máis de 20 anos xuntos, sendo así una das bandas de jazz máis lonxevas do jazz nacional. Tamén unha das máis internacionais, pois nestes anos de traxectoria contan con xiras por medio mundo: Sudáfrica, México, China, Portugal, Corea do Sur, Guatemala, Bolivia, Bulgaria, Francia…
Sumrrá son Manuel Gutiérrez ao piano, Xacobe Martínez no contrabaixo e L.A.R. Legido na batería. Nos seus directos amosan a madurez de longos anos de traballo en conxunto, pero ao mesmo tempo seguen tendo unha frescura que fai que cada concerto sexa realmente único, o que fan do trío galego un grupo de culto. Nesta ocasión prepararán un repertorio especial no que farán unha viaxe polos grandes éxitos dos 7 discos que publicaron.

AXENDA

Facebook