Asociación Minho Reggae organiza este sábado un encontro de música e danza no que participará a compañía lusa Allatantou Dance Company, o grupo vigués Meninos Carentes e os reggae sounds Upfullsounds de Portugal e o galego Minho Sound. A festa comezará ás 23.00 horas no Terreiro da Festa (Churruca). O custe da entrada é de tres euros.
O Terreiro da Festa, en Churruca, acolle este sábado unha mestura de danza e musica. Brasil e África fusionaranse para dar a coñecer parte da súa tradición musical e as súas danzas populares. A compañía de Porto, Allatantou, que impartirá un taller intensivo de seis horas, na tarde do sábado, será a encargada de trasladarnos até a Costa Oeste de África para facernos bailar baixo a dirección de Joana Peres, bailarina e coreógrafa que pertence á compañía desde o 2006.
Allatantou Dance Company naceu en Gambia na década dos setenta. Nos oitenta chega a Europa a distintos países como Suecia, Escocia, Irlanda, Escandinavia, Noruega e en 2006 aséntase en Portugal. Desde esta data a formación encárgase de divulgar e transmitir as tradicións e a cultura da costa Occidental de África, a través de espectáculos e animacións que os levaron a percorrer boa parte das grandes cidades lusas e tamén a cruzar as súas fronteiras, como farán novamente este sábado, na cidade olívica. Aproveitando a súa visita á cidade, onde impartirán un curso intensivo, a Asociación Minho Reggae organiza esta festa, que converterá por unha noite o centro de Vigo no corazón de África.
Bailes cheos de forza e sentimento acompañados por cánticos tradicionais africanos e instrumentos tradicionais como o djembés, dounoumbas, krins, gongomas. Ritmos que de seguro nos farán gozar dunha noite chea de baile pero tamén de música. A banda viguesa, Meninos Carentes, serán os encargados de facernos viaxar até Brasil. Co seu funk, reggae roots, dub, nyahbinghi, ritmos que se mesturan nos temas que interpretan nos seus directos, cheos de groove e psicodélica que non deixan indiferente a ninguén.
A música continuará até ben entrada a noite da man dos sound system que repasarán algúns dos clásicos do reggae, da música xamaicana e tamén os temas máis alternativos. Podermos gozar do Upfullsounds de portugal e dende Galicia Minho Sound.