actividades paralelas dun Cantos na Maré 2017 que esgotou as entradas

Xaneiro 10, 2017

nota:

este luns a primeira hora xa se esgotaron as entradas para o festival que terá lugar este sábado 14 de xaneiro. Aínda así, as actividades complementarias do Festival están abertas ao público e terán lugar do 12 ao 14 de xaneiro en Pontevedra e en Compostela.

O xoves 12 (22.30h) as actividades comezarán na compostelá Casa das Crechas cun formato de “Conversa e Cantos com… Manecas Costa”, no que o músico guineano estará acompañado por amigos e amigas galegas. Costa, que gravara xunto a Narf o disco ‘Aló Irmão’ en 2009, forma parte da gran familia musical de CANTOS NA MARÉ desde a súa participación na edición do 2005. A partir de aí teceu unha rede de colaboradores galegos cos que ten presentado varios proxectos, construíndo esa comunidade musical que está na vontade e na filosofia deste festival.

O venres 23 (11h) no Pazo da Cultura de Pontevedra terá lugar un taller musical para escolares titulado “Cantos tradicionais brasileiros” e impartido por Kátya Teixeira, unha investigadora e cantora de Sao Paulo.

Na noitiña do venres (20h) na Libraría Paz o angolano Paulo Flores impartirá un relatorio sobre “O Semba, matriz cultural de Angola”. O Semba é unha das danzas e xéneros musicais máis populares de Angola, resultado dun proceso complexo de fusión e transposición, para guitarra, de diversos ritmos de percusión africana. Xurdiu durante os anos 50 e 60, comezando tradicionalmente con danzas de salón urbanas. Hai quen defende que este xénero, xenuinamente angolano, foi levado polos escravos a partir do século XVI para o Brasil e as Caraíbas.

E o sábado 14 pola mañá (13h) a portuguesa Celina da Piedade ofrecerá un obradoiro de Canto Alentejano no Bar Gramola. Trátase dunha práctica vocal polifónica do sur de Portugal recoñecida como patrimonio inmaterial da humanidade pola Unesco en 2014. Sempre serviu como vía de expresión cunha forte conciencia social.

AXENDA

Facebook