Acordeireta “Loitar cantando”

Marzo 21, 2021

Cos dous instrumentos que tocan, Patricia González Iglesias e Alejandro Balbuena Ojea forman o nome dun proxecto que presentan en disco cun leitmotiv vital: “Loitar cantando”. Ao longo de quince cortes van render homenaxe e recoñecemento a nomes da nosa cultura, sexan poetas recoñecidos ou compositores anónimos, estean nas academias ou nas asociacións de veciñas; mais tamén á súa cadela Cuca ou ás Madres de Mayo arxentinas. Todas achegan e de todas aprendemos se temos a actitude.

No caso desta parella é a de compartiren formas tradicionais, músicas propias e daren vidas sonoras novas a poemas que xa foran cantados, como “Deitado frente ao mar” de Celso Emilio Ferreiro ou “A Rosalía” de Curros Enriquez, ademais de xogar con versos da propia Rosalía en “Miña rumbiña, miña rumbasa” e fechar o disco musicando “Aperta” de Carvalho Calero. Mais tamén brillan Luz Fandiño (seus son os poemas empregados na composición que titula o disco), o acordeonista Pazos de Merexo e o emigrado poeta Señor Julio.

Sen artificios e con apenas un par de colaboracións (Suso de Zurrumalla e Luis dos Carunchos, bandas tamén editadas por Inquedanzas Sonoras), o debut de Acordeireta é unha gravación sincera, fresca, directa, de ritmos varios (rumba. muiñeira, xota …), que transmite diversión, aprendizaxe, reivindicación de temas sociais e agarimo polas nosas raíces. Isto era a festa e o compromiso que podiamos deducir do titulo: “Loitar cantando”.

Pepe Cunha, 21-marzo-2021

AXENDA

Facebook

7 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook