aCadaCanto “a rosa d”Adina”

Marzo 20, 2014

Coincidindo co 150º aniversario da publicación de “Cantares gallegos”, estanse a publicar traballos inspirados no poemario e figura da poetisa referente a cargo de Uxía, Najla Shami, Narf … Afortunadamente, son diferentes entre si e este de aCadaCanto distínguese pola súa sinxeleza, que non minimalismo, instrumental: dúas voces, guitarra e acordeón. Nin sequera aparecen percusións coma no seu debut e así o acabado resulta aínda máis cálido e directo.

Tras un álbum homónimo de debut en 2012, o proxecto conxunto de Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero editou a finais de 2013 un mini-álbum no que fan ao seu xeito pop-folque cancións a partir de 6 poemas de Rosalía de Castro: “Dende a Limia”, “Levoume o río”, “Tecín”, “Este meu camiño”, “Onde pousei a infancia” e “Aló”. A sexta referencia do selo Músicas de Salitre amosa que a experiencia é un grao e a conxunción destes artistas sae vitoriosa do reto de completar cancións á altura da grande poetisa nacional. Estes vinte e pico minutos transmiten a súa dozura, melancolía, intensidade.

Semella que, malia o precario mercado musical galego, a calidade que amosa aCadaCanto e a súa aceptación polo público que chega a coñecela merece aparcar ese idea de efémero que comentaban ao se presentaren. Degustémolos con calma en gravación e ao vivo mentres esperamos novidades do cuarteto. Agora máis ca nunca necesitamos intres de repouso e beleza.

Pepe Cunha, 17-marzo-2014

AXENDA