Comeza un novo ciclo de “Música nos Tilos” con AcadaCanto
Co obxectivo de “ofertar unha programación musical de calidade” dá comezo unha nova edición do ciclo de “Música nos Tilos”. Así, o vindeiro venres día 7 de xuño chega AcadaCanto coas voces e instrumentos de Guadi Galego, Xabier Díaz, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández. Será ás 22:30 na Biblioteca dos Tilos e con entrada de balde.
Ano a ano e desde fai catro, o Concello de Teo programa cada mes de xuño unhas “propostas íntimas e de calidade”, con pequenas e medianas formacións pero de calidade, para que o público dos Tilos e quen se queira achegar ata a Biblioteca poida desfrutar dun concerto “como se estivese no salón da súa casa, xa que se crea un espacio íntimo e cercano”, din desde Imperdible Servizos Culturais, entidade organizadora. A este primeiro concerto do Ciclo de 2013, seguirao Sérgio Tannus Trio o venres 14 e a Narf o próximo día 28 de xuño.
Se ben, o vindeiro venres día sete, ás 22:30 e con entada de balde, poderemos gozar dos temas de AcadaCanto cos grandes Guadi Galego, Xabier Díaz, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández. Nos trece temas que compoñen este traballo atopamos algúns de autoría propia, outros de corte
tradicional e de literatura de autor: Xosé María Álvarez Bálquez, Carlos Rivero Troncoso, Victor Ramil e unha versión dun tema de Santiago Auserón. Poesía sen artificios.
O proxecto ACadaCanto
ACadaCanto é o proxecto que deu en xuntar a catro grandes da música galega: Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero, despois de ter coincidido entre eles en varios proxectos. Participaron en Nordestinas, Espido, Berrogüetto, Nova Galega de Danza e outros.
Guillerme e Xabier son membros de Berrogüetto, grupo no que anteriormente cantaba Guadi; Xabier contou con Xosé Lois e con Guillerme no seu “Músicas de Salitre”; Guadi e Guillerme son “Espido” e Xabier e Guillerme publicaron xuntos “Arrolos de Salitre”. En aCadaCanto conflúen todos os traballos anteriores no seu primeiro proxecto común.