Abre a convocatoria do Concurso Narf para artistas e grupos musicais

Abril 01, 2021

nota:

O Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais da Deputación da Coruña vén de abrir nova convocatoria, a décimo terceira, aberta a calquera proposta de música popular que non fose premiada nos cinco anos naturais anteriores do concurso.

Trátase dun galardón consolidado que ten descuberto numerosas bandas que hoxe podemos ver nos principais festivais da Península, como Familia Caamagno, Bala ou Mounqup, que se contan entre algunhas das propostas gañadoras.

O obxecto da convocatoria é difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a obra do músico, compositor para espectáculos musicais e teatrais e dinamizador cultural, que foi o cantante Fran Pérez “Narf”.

A dotación económica deste galardón é de 3.000 euros para o primeiro clasificado, 2.000 para o segundo, 1.500 para o terceiro e 1.000 para o cuarto e o quinto. O xurado realizará unha primeira selección dun total de cinco artistas e/ou grupos despois da audición das maquetas recibidas. Os grupos e/ou artistas que resulten seleccionados accederán á fase final, que terá lugar no seo dunha gala na que terán que presentar en directo cadansúa proposta musical.

O prazo de presentación de candidaturas remata o 25 de maio. Consulta toda a información, bases e convocatoria aquí: https://www.dacoruna.gal/cultura/premios/rock

Fran Pérez, ‘Narf’

Fran Pérez, ‘Narf’ (Silleda 1968 – Santiago de Compostela 2016) foi un un compositor e cantor de longo recorrido, parte do cal está ligado ao entorno do mundo lusófono. Gustáballe definirse como “cancionista” e a súa obra caracterízase pola forte personalidade e a busca constante de orixinalidade. Editou cinco discos como NARF: ‘Baladas da Galiza imaxinaria’ con Uxía (2015); ”Nas tardes escuras” (El Patito editorial, 2013), con poemas de Rosalía de Castro; “Aló irmao” (Falcatruada, 2010) con Manecas Costa: “Tótem” (Falcatruada 2007) e “Directo en Compostela” (Changüí, 2003). Tamén compartiu disco e xira por España co proxecto ‘Mundo café’ xunto cos músicos Jabier Muguruza e Miquel Gil.

Ademais foi fundador da Sala Nasa e membro de grupos como a Psicofónica de Conxo, Os Kinindiola ou Nicho Varullo. Tamén compuxo para teatro e para obras audiovisuais, acadando múltiples premios.

Abriu camiños desde mozo no rock local, cando a música xuvenil ao vivo aínda era unha sorpresa en Compostela. Abriu camiños na integración significativa da música nas artes escénicas e nas sinerxias que alimentaron o fenómeno das salas alternativas autoxestionadas. Abriu camiños inéditos para quen quere facer da música profesión desde a independencia e a integridade. Abriu camiños para a conformación da escena musical local como hoxe a coñecemos e abriunos tamén cara o exterior, propiciando encontros inauditos coa música do mundo, encetando vieiros inexplorados. E todo cunha personalidade única de irrenunciable orixinalidade. As pontes que tendeu no mundo musical son agora motivo de aprezo e celebración.

AXENDA

Facebook

15 hours ago

Ábrete de orellas
A actualizar a axenda de concertos con citas como estas.De contactardes abretedeorellas@gmail.com facilitariades o labor. 😁 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook