Aberto o prazo de inscrición dos XIII Premios Martín Códax da Música

Marzo 02, 2026

nota:

Desde hoxe, 2 de marzo, está aberto o prazo de inscrición para participar na XIII edición dos Premios Martín Códax da Música.

Ata o 22 de marzo, artistas e bandas poderán presentar as súas candidaturas nas 15 categorías musicais que abranguen a diversidade da creación musical galega.

Ademais, na sección Organistrum tamén poden inscribirse salas de concertos, festivais e proxectos de comunicación musical, recoñecendo así o labor fundamental dos axentes que fan posible o ecosistema musical en Galicia.

A convocatoria está dirixida a proxectos en activo no ano 2026 e non é imprescindible ter editado disco en 2025/26, valorándose a actividade artística acreditable e a traxectoria recente.

Inscricións e bases: Premios Martín Códax da Música

A XIII edición dos Premios Martín Códax da Música abre oficialmente o seu prazo de inscrición. A convocatoria, presentada a pasada semana en Santiago de Compostela, inicia así o proceso que culminará coa gala final do 27 de maio en Pontevedra. Desde hoxe e ata o 22 de marzo, artistas e bandas poderán presentar as súas candidaturas a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal.
Organizados pola asociación Músicas ao Vivo, os premios consolídanse como unha das principais plataformas de recoñecemento e impulso do sector musical galego, contribuíndo á súa visibilidade, estruturación e proxección profesional.

15 categorías que representan a diversidade musical galega
A convocatoria abrangue un total de 15 categorías musicais: pop e indie; rock e punk; blues, funk e soul; metal e heavy; canción de autor/a; músicas urbanas; músicas do mundo e mestizaxe; electrónica; música clásica e contemporánea; jazz e músicas improvisadas; música tradicional; música folk; música infantil; orquestras, grupos e músicas de verbena; e bandas de música popular.
Poderán inscribirse proxectos musicais galegos en activo no ano 2026, tanto artistas e bandas radicadas en Galicia como iniciativas desenvolvidas fóra con maioría de integrantes galegos ou liderado artístico galego acreditable. Tamén poderán participar grupos que canten en galego ou interpreten maioritariamente música de raíz galega.
Non será requisito imprescindible ter editado traballo discográfico en 2025/26, aínda que o xurado valorará a actividade artística recente, concertos e traxectoria acreditable.

Categorías especiais
A categoría Artista Emerxente volverá poñer o foco en proxectos con menos de tres anos de traxectoria e un máximo dun disco editado. Pola súa banda, os Premios Organistrum recoñecerán o labor de salas, festivais e proxectos de comunicación musical.
A edición contará tamén cun Premio Honorífico Músicas ao Vivo, destinado a distinguir unha traxectoria de especial relevancia para a música galega.
En total, darase visibilidade a 48 proxectos finalistas e 20 serán galardoados na gala final.
Calendario da XIII edición
● Prazo de inscricións: do 2 ao 22 de marzo de 2026
● Votación do xurado (1a fase): do 30 de marzo ao 24 de abril
● Festa de Finalistas: 6 de maio
● Votación de socios/as e público (2a fase): do 7 ao 24 de maio
● Gala final: 27 de maio de 2026 no Pazo da Cultura de Pontevedra

O sistema de votación manterá o modelo en dúas fases, combinando xurado profesional e voto do público cunha ponderación do 50% para cada parte.
A gala será retransmitida en streaming a través da plataforma agalega.gal e na canle de YouTube de Músicas ao Vivo.
Toda a información e bases completas en: premiosmartincodaxdamusica.gal..gal
Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega
das Industrias Culturais-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra

AXENDA

Facebook