Abertas as inscricións para participar no MUMI 2022

Febreiro 24, 2022

nota:

O encontro profesional das músicas do Minho celebrarase do 29 de setembro ao 1 de outubro na Eurocidade Tui-Valença.

Desde hoxe 24 de febreiro todas as persoas interesadas en participar no MUMI 2021 poden inscribirse no encontro a través da web mumimusicas.eu. A convocatoria para candidatar propostas de artistas e bandas galegas e portuguesas permanecerá aberta ata o 31 de marzo, mentres que as inscricións para profesionais estarán abertas até as datas de celebración do evento. En ámbolos dous casos, a participación é gratuíta. A organización seleccionará as propostas recibidas para configurar unha programación que inclúe showcases, conferencias e sesións de traballo conxunto; co obxectivo de converter a Eurocidade durante tres días nunha feira musical de referencia no oeste peninsular.

Para as bandas e artistas galegas e portuguesas interesadas en participar nas actuacións do encontro, a convocatoria está aberta desde hoxe 24 de febreiro até o 31 de marzo. Poderán presentarse todas as bandas ou artistas de Portugal e Galiza que teñan un proxecto musical de carácter profesional, independentemente do tipo de formación ou estilo. As propostas participantes serán escollidas por profesionais do sector, seguindo non só criterios de calidade, mais tamén de viabilidade dentro dos obxectivos e características da feira.

A organización negociará as condicións económicas con cada banda/artista, dependendo do número de componentes, ofrecendo unha noite de aloxamento para as propostas seleccionadas e garantindo o equipamento técnico necesario para a correcta realización da actuación. As bandas e artistas deberán cumprir cos horarios e tempos indicados pola organización, e permitirán ao MUMi a captación de fotografías e gravación de vídeo, cedendo os dereitos deste material para uso unicamente promocional.

Inscricións profesionais

Para as empresas de produción e management, responsables de programacións musicais, xestores e técnicos de cultura, e xornalistas as inscricións estarán abertas desde hoxe até as datas de celebración do evento.

Presentación do programa

A programación do encontro será presentada no mes de maio cunha oferta de showcases profesionais e tamén concertos para o público xeral con artistas de ambas beiras do Miño. Ademais do programa musical, o MUMI 2021 prepara unha proposta de conferencias, actividades formativas, encontros de traballo con empresas e profesionais.

En colaboración cos concellos de Tui e Valença, espazos emblemáticos de ambas cidades acollerán diferentes propostas co ánimo de visibilizar non só a artistas e bandas, senón as posibilidades do traballo conxunto desta alianza estratéxica que é a Eurocidade Tui-Valença. O obxectivo é converter o MUMI nun espazo de coñecemento mutuo, oportunidades, sinerxías, traballo en rede e deseño de proxectos futuros. Desde a organización do MUMI destacan o impacto social, económico e mediático do evento, e animan a todas as persoas que traballan no sector musical en Galicia e Portugal a participar na programación a desenvolver do 29 de setembro ao 1 de outubro inscribíndose a través da web mumimusicas.eu.

Facebook

5 hours ago

Ábrete de orellas
O SONORO MAXÍN, banda referente da Galicia tropical con mensaxe, volve cun EP titulado como a canción que o abre e desde xa un dos versos dos ano: “A primavera ten que ser nosa”. Culturactiva S. Coop. Galegaabretedeorellas.com/o-sonoro-maxin-a-primavera-ten-que-ser-nosa/ ... See MoreSee Less
Ver en Facebook