Conseguir sacar adiante un concerto e convencer cando as circunstancias semellan conxuradas para evitalo non está ao alcance de moitos artistas. Pode lograrse polo notable nivel da proposta ou polo manexo do directo en base á simpatía ou a soltura na improvisación. No caso de Aaron Thomas na súa cita no Zona C foi máis do primeiro, porque a calidez das súas cancións, a súa voz e o apoio cariñoso dos músicos salvaron un concerto que ía acumulando molestias técnicas.
Cando na hora de comezo prevista viamos que aínda se ultimaba a proba de son, a cousa pintaba présas. Confirmábase a preocupación nas primeiras cancións cando os músicos seguían a facer continuas indicacións ao técnico e o son resultaba algo alto para o recollido tamaño da sala; e nunca mellor dito o de sala (máis de exposicións, iso si), chan alfombrado incluído. Máis aínda, cando as cousas semellaban estabilizarse, irrumpiu un acople esaxerado que fixo repetir unha canción xa ben avanzada. Por se fose pouco, o micro de Thomas amosaría vida propia co seu movemento. Afortunadamente, a interpretación de Aaron Thomas e a súa banda foi exquisita, cun especial coidado nas voces e a instrumentación ao serrvizo da calidez que transmiten a voz e os textos do autor.
Antes de regresar ás nosas antipodas tras dez anos en España, volveu a Compostela non só para reencontrarse con quen gozamos tres anos atrás daquel seu concerto no Teatro Principal abrindo para Darren Hayman, senón tamén para coñecer a quen viñan recomendados e a quen responderon á curiosidade de escoitar ao vivo un recente “The Blues and Greens” que repasou minuciosamente. Nunha hora e cuarto un chisco accidentada e malia amosar incomidade na súa faciana, Thomas agradou igual a base de melancólicas cancións de pop-folk bañadas en calidez e calidade entre as que salientar “Turn to the Devil”, “How We Got Started”, “Out of Your Hands”, “A Fool Like Me”, “I”m Sorry” ou “Made of Wood”. Mirando o lado bon, a tensión acumulada tamén fixo que nos regalase nos bises unha voz rabiosa e arenosa na vella “Kill This City”.
El non a recordará como a súa mellor noite, pero si como unha na que a calidade da súa proposta se sobrepuxo ás circunstancias. Unhas ducias de persoas fomos testemuñas e cómplices.
Pepe Cunha, 23-maio-2013