nota:
O novo Cantos na Maré, que terá lugar en varios espazos da cidade de Pontevedra dos días 11 ao 14 de outubro, combinando concertos de pagamento e de balde con outras actividades musicais e culturais para todos os públicos.
Os concertos de pagamento terán lugar no Pazo da Cultura, e as entradas poden atoparse en Ticketea ou Eventbrite, no seguinte enderezo: http://cantosnamare.eventbrite.es, por separado (de 9€ ou 18€) ou nun bono de 50€ no que poden conseguirse todos os concertos do Pazo da Cultura.
Novos artistas
Aos artistas xa anunciados a semana pasada temos que engadirlle novas incorporacións, maiormente galegas como Eladio y los Seres Queridos, Vudú, García MC & Nación Quilombo acompañado polo pianista cubano Alejandro Vargas, Os Meninos e DJ Mil, que presentará o seu proxecto audiovisual “Phonorama”. Pola banda portuguesa estará tamén Riot DJ.
Entre os artistas do cartel deste ano podemos atopar grandes nomes da Lusofonía como a portuguesa Teresa Salgueiro, ex vocalista de Madredeus; o brasileiro Chico César, un dos “fundadores” do festival; a galega Mercedes Peón que presentará aquí o seu quinto disco, ‘Deixaas’; as rapeiras Capicúa e Eva RapDiva desde Portugal, xunto coa galega Wöyza; o rock e o kuduro de Throes & The Shine (Portugal/Angola); a mozambicana Selma Uamusse; o proxecto Coladera liderado polo brasileiro Marcos Suzano, un dos mellores percusionistas do mundo; e o caboverdiano Mário Lúcio, músico e poeta, ademais de ex ministro de Cultura de Cabo Verde.
A clausura do festival terá lugar o domingo 14 de outubro, cun espectáculo moi especial no que participarán varios artistas citados e un proxecto moi especial chegado desde Évora (Portugal). Trátase de Ath-Thurdá, promovido polo concello de Évora dentro das accións promocionais para a candidatura de Évora como Cidade Europea da Cultura en 2027 no que participarán artistas como Kepa Junkera, alén doutros músicos portugueses como Antonio Bexiga, Beatriz Nunes, Carlos Menezes e Celina da Piedade, entre outros.
Nos vindeiros días faranse públicos o resto de artistas e actividades previstas, entre as que se incluirán sesións de cinema, actividades para nenos, talleres para músicos e público xeral, etc.
O novo Cantos na Maré
Sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión de Galicia con outras culturas, outros países e outros continentes, Cantos na Maré dá un paso máis e toma unha nova reorientación. O Festival quere atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos. Coa música como gran nexo, desde a música de raíz ás músicas urbanas pasando polas voces corais e a polifonía, mais sen renunciar a outros contidos como a gastronomía, a narración oral ou a danza.
Non só haberá novos contidos senón tamén novos espazos para desenvolver actuacións e accións espallados por toda a cidade de Pontevedra, que se sumarán ao habitual espazo central do Pazo da Cultura, pois CNM tamén pretende ser un festival que promova a descuberta e revalorización do patrimonio da cidade.