Á venda as entradas para o concerto que Fermin Muguruza ofrecerá en Santiago en marzo de 2025, única cita no noroeste peninsular

Xuño 25, 2024

nota:

As entradas para asistir ao único concerto que Fermin Muguruza ofrecerá no noroeste peninsular, no marco da xira internacional polo seu 40 aniversario de traxectoria musical, están á venda desde esta mañá. O artista vasco, fundador de Kortatu e Negu Gorriak, actuará en Santiago de Compostela o 15 de marzo de 2025 e os billetes para a cita xa se poden adquirir, desde 35 euros (máis gastos de xestión) a través a través do espazo web www.muguruzafm.eus

Este 40 aniversario chega nun momento especial para Fermín Muguruza. Fronte aos ataques lanzados contra el nos últimos tempos, o músico e realizador de cinema advertiu nas súas redes sociais que respondería con máis cultura, reivindicando a súa traxectoria e legado. Así, o artista destaca que estes eventos serán “algo máis que un simple concerto, xa que servirán para utilizar a música como ferramenta de expresión e cambio social”. Nos directos, o público poderá gozar de diferentes cancións que se converteron en iconas da música vasca e internacional.

Así, Muguruza expresa o seu desexo de que “estes concertos se convertan nunha celebración contra a censura e os recentes ataques da extrema dereita a nivel global e particular”. Nese sentido, menciona casos como o da directora e cinco profesores dun instituto en Valencia que foron demandados por pintar un mural en homenaxe á súa traxectoria creativa, así como os ataques a Itziar Ituño e aos xogadores do Athletic por cantar a mítica canción Sarri, Sarri.

Unha das figuras de maior influencia e carisma do panorama musical vasco

O artista irundarra lembra que “será unha honra e un privilexio poder celebrar este percorrido de 40 anos sobre un escenario, sabéndome pertencente a unha xeración moi golpeada. Espero que estes concertos sexan especiais para todos, a través da música, o baile e a reivindicación, un exercicio de memoria colectiva, unha celebración da vida e rexeitamento ao fascismo, unha cerimonia dos abrazos”.

Muguruza foi definido como unha das figuras de maior influencia e carisma no panorama musical vasco en diferentes sectores. Comezou a súa carreira musical creando xunto ao seu irmán Iñigo o grupo de música Kortatu. Cando a banda se disolveu, logo da edición do seu último disco exclusivamente en eúscaro, Muguruza formou Negu Gorriak xunto ao seu irmán Iñigo, Kaki Arkarazo, Mikel Txopeitia e Mikel Anestesia. O grupo converteuse nunha das formacións máis importantes da escena dos anos 90. Após a súa disolución, Muguruza iniciou a súa carreira en solitario, tomando como base o reggae e o dub e mesturando ritmos latinos ou elementos do rock, hip hop, funk, soul e drum and bass.

Muguruza colaborou con artistas como Manu Chao, Banda Bassotti, Amparanoia, Tijuana No!, Todos Tus Muertos, Albert Pla, Zebda, Desorden Público, Reincidentes, Angelo Moore de Fishbone, Raúl Refree, Obrint Pas, El Columpio Asesino, Preservation Hall Jazz Band, Toots, U-Roy, Rita Marley, Peret ou decenas de artistas ao longo destas catro décadas.

Ademais, nestes últimos anos, Muguruza ten traballado no mundo do cinema e do documental. Creou unha infinidade de traballos de temática social, entre eles, a serie Next Music Station (2011), que reúne once pezas sobre música árabe para a cadea Al Jazeera, o documental NOLA? Irun meets New Orleans (2015), as películas de animación Black is Beltza (2018) e Black is Beltza II: Ainhoa (2022), esta última finalista dos Premios Goya, ou o recente filme documental BIDASOA 2018-2023 (2023), entre outros.

Máis información: www.muguruzafm.eus

 

AXENDA

Facebook