“A tribo toda baila”: Vinte artistas versionan os Resentidos nun disco tributo á banda no seu 30º aniversario

Maio 03, 2012

Onte presentouse en Santiago de Compostela o disco homenaxe aos Resentidos “A tribo toda baila”, editado por Warner co que se celebran 30 anos dos seu nacemento. Trátase dun disco dobre que inclúe unha selección de dezanove temas versionados por bandas e artistas galegos, ademais das versións orixinais agora remasterizadas, recompiladas nun segundo volume.

Miguel Mosqueira, da banda Ataque Escampe e que participou na coordinación de “A tribo toda baila”, sinalou que este proxecto comezara a xestarse en 2009 porque consideraban que faltaba unha homenaxe ao grupo vigués: “se temos que escoller un grupo paradigmático e referencial, son Os Resentidos”. “Apetecíanos ver como se podía dar unha actualización aos seus temas”, e destacou o seu papel como lexitimador do galego no pop para outras bandas que viñeron despois. En canto aos participantes neste disco, indicou que se realizou unha selección de grupos que encaixasen no proxecto pero mantendo a súa liberdade no resultado final. “Conservan o eclecticismo que tiñan os Resentidos e permiten abarcar a súa variedade estilística”, xa que as bandas escolleron os temas e realizaron a súa particular reinterpretación.

A coordinación do grupo foi compartida por Mosqueira con Samuel Solleiro, Marcos Paino, Daniel Salgado e Roberto Sobrado. Este último quixo sinalar o labor realizado por todo o equipo, “un traballo que fixemos desde o cariño e o desde o máis puro amateurismo para ter un disco moi profesional”.

Os dous membros dos Resentidos que participaron na presentación, Antón Reixa e Rubén Losada, mostraron o seu agradecemento aos participantes no proxecto. “Tiñamos unha pequena frustración, porque o noso líder espiritual, Alberto Torrado, dicía que as cancións só podían ser dun xeito”, en referencia ao membro fundador do grupo, “este disco demostra que non é así, é unha revisión absolutamente creativa do que foi o noso repertorio”. Coa perspectiva que dan os 30 anos de historia da banda, para Reixa queda claro que atinaran coa proposta: “Nos 80 eramos o único grupo de pop que usaba o galego de forma habitual, e hoxe son moitos máis, é como se o tempo nos dese a razón”.

Rubén Losada tamén se mostrou entusiasmado coa publicación deste tributo e mais coa celebración do concerto do 12 de maio en Ourense. “Botando a vista atrás, sempre pensei que Os Resentidos non tiveran ningunha influencia posterior, posiblemente estaba equivocado”, indicou.

Metralletas Lecheras, Ataque Escampe, A Magnifique Band dos Homens Sen Medo, Safari Orquesta, Miki Nervio & the Bluesmakers, DasKapital, Emilio José, O Sonoro Maxin, Novedades Carminha + Antigüedades Alvarez, Ruxe-Ruxe, Roberto Sobrado, Orquesta Alma Latina, The Homens, Tony Lomba e Elio dos Santos, Os tres trebóns, Ultraqäns, El Puto Coke, Pulpiño Viascón e Transilvanians, son os encargados de redescubrir os dezanove temas que se inclúen neste “A Tribo Toda Baila”.

Un concerto único

Moitos dos artistas e grupos que participan neste disco estarán tamén no escenario o sábado 12 de maio no recinto de Expourense, onde se celebrará un concerto único para reivindicar os 30 anos de música feliz cos Resentidos. “A mellor forma de dar a coñecer o noso repertorio era xuntarnos e volver tocar”, indicou Antón Reixa en referencia ao concerto que comparte nome co disco tributo, “A tribo toda baila”. Ese día ás 21,00h Antón Reixa, Rubén Losada e Javier Soto, membros da formación orixinal, subirán ao escenario xuntos por primeira vez dende hai 18 anos, acompañados por unha banda de excepción: Rafa Fernández, Manuel Paino, Anxo Graña, Roberto Sobrado, Pablo Vidal, Alex Salgueiro e Xabier Camba. Arrouparanos unha manchea de músicos galegos: Xosé Manuel Budiño, Bieito Romero, Uxía, Sés, Xurxo Souto, Piti Sanz e Luís Tosar, Rómulo Sanjurjo, Julián Hernández, Miguel Costas, Tonhito de Poi e Xosé Manuel Pereiro. Carlos Blanco será o encargado de presentar o espectáculo, que abrirán O Sonoro Maxín e Novedades Carminha.

Será unha oportunidade irrepetible de gozar ao vivo cunha banda que marcou a toda unha xeración, un concerto único organizado por Fankani Producións, co patrocinio da concellaría de Cultura do Concello de Ourense e coa colaboración de Agadic, Expourense, Estrella Galicia e Radio 3. As entradas poden mercarse por 10 euros máis gastos por adiantado e xa o propio día do concerto na billeteira de Expourense custarán 15 euros.

AXENDA

Facebook

6 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook