Coincidindo co 30 aniversario da formación d’Os Resentidos, a banda celebrará un concerto reunión con amigos e o seu selo de sempre edita este dobre cedé tributo. A banda viguesa de pop-rock que nos 80 empregaba unicamente o galego recibe agora esta merecida reivindicación a cargo de 19 bandas galegas actuais. Até aquí todo podería parecer complacencia pero, afortunadamente, as bandas non se cinguiron ás gravacións orixinais e fixeron o que lles prestou coas cancións, Por enriba de gustos persoais, hai que recoñecer que o resultado final casa perfectamente co carácter ecléctico do repertorio resentido.
The Homens non podían faltar e, antes de separarse, deixaron lista a primeira sorpresa desta compilación: unha relectura post-rock (?) da nada doada “Abdul”, primeira das cinco pezas daquel difuso debut “Vigo capital Lisboa” (’84). Deste atopamos outras dúas pezas que si parecen feitas para Ultraqäns (“Alcohólica”) e DasKapital (a industrial “Jet Society”). Safari Orquestra levan o “Sector Naval” a un elegante salón de baile electrónico. O “Himno dos Percebes Benz” recibe a interpretación crooner de Tony Lomba & Elodio Dos Santos. Ataque Escampe fan de “Música feliz” un vals, iso si, ao xeito duns roqueiros de serie-B, “Zoo lóxico” transfórmase nun blues rural cos Miki Nervio & The Bluesmakers, “Compañeiro” e “En Kampuchea” caen nas mans dunha orquestra xamaicana con A Magnifique Bande dos Homes sen Medo e Transilvanians, Os ritmos latinos e a verbena van tan unidos a “Cumbia China” e “Tumbao” como á Orquesta Alma Latina ou O Sonoro Maxín. O hip hop é territorio de El Puto Coke (“Galicia, sitio distinto”), Pulpiño Viascón baña o “Bambán” nas augas tropicais e o gran hit “Galicia canibal” “embravúcese” cos Ruxe Ruxe. Roberto Sobrado reborda clase nun magnífico “Atlántico”. “Economía sumerxida” presta co acordeón e os ventos d’Os Tres Trebóns. “In the Guetto” fica irrecoñecible, confundido pola noite das programacións de Emilio José.
Para completar a edición, e tendo en conta que Novedades Carminha & Antigüedades Álvarez (Fluzo) optan por un frouxo “Pupurri” en troques dunha versión, o segundo cedé ofrece as 18 orixinais remasterizadas e aquel Boca Seca mix de “Galicia caníbal” que aparecía no compilatorio coa portada de Sargadelos.
Sen dúbida, un disco ben entretido e musicalmente por riba das anteriores homenaxe-tributo galegas (Andrés DoBarro e Os Diplomáticos). Como aquelas, unha homenaxe merecida a un nome imprescindible na música popular galega. Se me permitides unha licencia personal, innegable estímulo para que quen isto asina abrise as súas adolescentes orellas.
Pepe Cunha, 6-maio-2012