A solidariedade e a presenza feminina transversal na programación, sinais de identidade do Revenidas 2019

Agosto 06, 2019

nota:

O festival aposta nesta edición por un cartel liderado polas propostas musicais de Gogol Bordello, The Baboon Show, Chocolate Remix, Hard GZ, Mal Elevé, Flow do Toxo, Gatillazo ou Nao.

As persoas interesadas en asistir ao Revenidas os próximos 9, 10 e 11 de agosto poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- a un prezo de 41 € o abono e 25 € a entrada de día a través da páxina web www.revenidas.com.

O festival Revenidas, que se celebrará os próximos 9, 10 e 11 de agosto no porto mariñeiro de Vilaxoán, presentou hoxe a súa décimo sexta edición baixo a presenza de Jacobo Sutil, director da AGADIC; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Alberto Varela, alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa; Xoan Quintáns, director do festival e Peter Punk, artista participante nesta edición.

O festival volve apostar decididamente un ano máis por un carácter solidario, por unhas actividades paralelas enraizadas coa nosa terra e a nosa cultura e, tal e como destacou Jacobo Sutil, “por impulsar un territorio como destino cultural a través dun evento de calidade, sostible e responsable”. Esta idea quixo compartila tamén Carmela Silva ao definir ao Revenidas como “un festival fortemente vinculado co espazo no que se celebra, coa gastronomía local e co produto de quilómetro 0”. Alberto Varela, pola súa banda, anotou que “non se entenden as Revenidas sen Vilaxoán nin Vilaxoán sen as Revenidas” e gabou a labor que fai o festival ao “exportar o nome de Vilagarcía alén das nosas fronteiras”.

A presentación tivo lugar no Parque de Dona Concha de Vilaxoán de Arousa, un dos espazos nos que se desenvolverán as principais actividades paralelas do evento. Xoan Quintáns, o director do Revenidas, debullou os tres obxectivos principais sobre os que a organización se propuxo que xirase todo nesta edición: revalidar o carácter solidario do festival, reforzar a programación feminina en distintos eidos alén do musical e a combinación de bandas emerxentes do país con grandes estrelas internacionais.

Deste xeito, explicou que elas serán as protagonistas da Gran Gala de Circo Solidaria deste ano, unha actividade que se leva a cabo a prol da risa e da cooperación cos campamentos de refuxiados e refuxiadas. O Revenidas propón unha reivindicación do circo feminino que contará o sábado 10 de agosto a partir das 17h30 neste mesmo parque con Isa Risco, Pajarito, Patty Diphusa, Mireia, Desastronauts e a música de Brassica Rapa.

Ademais, o Parque de Dona Concha servirá tamén como punto de encontro gastronómico do festival, no que se celebrará un ano máis a multitudinaria Gran Sardiñada Popular na que se despacharán 1.000 quilos de sardiñas e se contará coas prostas gastronómicas nos Showcookings Mahou de Kike Piñeiro e Eloy Cancela, de A Horta d’Obradoiro, e da chef Inés Abril, do restaurante Maruja Limón, que prepararán para os asistentes un “boliño de mexilón tigre” e “remolacha, frambuesa e sardiña”.

A todo isto e á Feira Revenida súmanselle arredor de 40 de propostas musicais internacionais, estatais e galegas entre as que se atopan a Gogol Bordello, The Baboon Show, Hard GZ, Mal Elevé, Flow do Toxo, Gatillazo, Talco, Skacha, Los Caligaris, Rebeliom do Inframundo, El Niño de la Hipoteca, Nao…

O festival ten tamén unha estreita relación co mar pola zona na que se celebra. Neste Revenidas, os asistentes poderán vivir unha experiencia marítima única pola Ría de Arousa a bordo do Chasula, unha embarcación tradicional na que poderán gozar de música ao vivo e dunha exclusiva degustación gastronómica de produtos 100% galegos. Esta actividade, unha das máis reclamadas do festival, é perfecta para grandes e pequenos e contará con tres saídas o sábado 10 a cargo do Leo, Gabri Dakidarría e Ugía Pedreira e outras tres o domingo 11 a cargo de Los Jinetes del Trópico, Zeltia Irevire e Gramola.

Como queda patente, o modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra.

Concertos e entradas

Pero o Revenidas non pode esquecer un dos seus eixos principais: a música. A xornada inaugural, que terá lugar o venres 9 a partir das 20h00 no recinto dos concertos de pago contará coa música de Desakato, The Baboon Show, Hard GZ, Mal Elevé, Erin, Tribade, Flow do Toxo e Ferromona DJ. O día grande, o sábado 10, comezará ás 13h00 no Parque de Dona Concha con varias actividades de balde para todos os públicos: Gran Sardiñada Popular, Gala de Circo pro Refuxiadas e pasarrúas con Os Terribles de Arousa, Brassica Rapa e a orixinal proposta con atmosfera poética de Thomas Dylan & Balea. O mesmo día, a partir das 20h00 terán lugar no recinto de pago os concertos de Gatillazo, Talco, Skacha, Los Caligaris, Rebeliom do Inframundo, Valira, El Niño de la Hipoteca, TNT, e DJ Plan B. O domingo 11 de agosto o día iniciará cos concertos de Carolina Rubirosa, Dakidarría en acústico e Punkinfantil no parque de Dona Concha para dar inicio a un fin de festa que culminará no recinto dos concertos da man de Gogol Bordello, Nao, Doctor Krapula, Gambeat, Los Jinetes del Trópico, Bastards on Parade, o Leo Arremecághona, Chocolate Remix e La Duendeneta.

Os interesados e interesadas en asistir ao festival poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 41 € o abono e 25 € a entrada de día a través da páxina web www.revenidas.com.

O Revenidas é un festival que se leva a cabo co apoio e/ou patrocinio do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra, a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) a través da súa marca Fest Galicia, Xunta de Galicia – Xacobeo 21, Mahou e Deleite. Ademais, a organización, para levar a cabo o evento tamén conta coa colaboración de Gadis, Wegow, Sonen, Lodeiros, Thunderbitch, Bodegas Martín Códax, Galletas Daveiga, Torre de Núñez, Toyota Nipocar e Estudios Mans.

AXENDA