A Pedreira “Segmento Cantábrico”

Setembro 24, 2022

Só con repasar os proxectos aos que a asociamos, coincidiremos en que xa ía moito tempo sen un disco con Ugia Pedreira. En Marful, Chouteira, Nordestin@s, Descarga ao Vivo Galiza-Cuba, Acrobata con Fred Martins … deixou unha pegada moi fonda e as súas aparicións en colaboracións só eran ben recibidas. Tras un anos de silencio chega o primeiro disco asinado por ela co seu apelido e ese artigo que poñemos diante dalguén familiar, da nosa tribo, coñecida. E dela o que coñecemos é a súa forza e dozura, o seu coñecemento, o seu carácter libre e aberto, crítico e exixente e a paixón polas músicas populares. En boa medida o que transmiten as once cancións e e o poemario “Atalaia Norte”.

Xa na inicial “Ser 1 ser mais” salta do acústico ao electrónico, preparándonos para un disco que non permite o acomodo. Amosa un eclecticismo á marxe de modas, co risco de non resultar homoxéneo ou sólido, pero que si reflicte moito do que é Ugia, para min un punto de confluencia de características das súas colegas Uxía, Mercedes Peón e Guadi Galego. Ten unha voz poderosa, evocadora, pode ser folkie ou electrónica, crúa ou un chisco sofisticada, pasar da carantoña á rabia. A parte lírica ten moito protagonismo e forza, sexan versos propios ou de poetas como Enrique Gavilanes, Rosalía de Castro, Marina Oural, Carvalho Calero e Xela Arias. Nas músicas, a complicidade coa súa parella Pierre-Yves Rouier (“Orgánico viaxar” é “unha declaración de amor dual”) regálanos unha dose equilibrada de experimentación con coñecemento e devoción polos sons tradicionais, electrónicos, folk americano, celta, progresivo, spoken word … e mesmo chamánicos ou tibetanos (“Follas Novas”). E falo de equilibrio porque cada canción ten un mundo, unha persoalidade de seu.

Como disco de debut, “Segmento Cantábrico” cómpre sen dúbida o seu labor de mostrar a versatilidade da que A Pedreira é capaz. Non esperabamos un disco compracente e non nos defraudou porque segue a ser unha artista de digresión, cun punto salvaxe e crítico que non agocha; capaz de nos derreter con “En toda a Quinta” e “Ribeiras del Eo” ou revisando un clásico tan recoñecíbel como “Os teus ollos”, así como de nos levar á época de sintes en “Xa máis”, ao electrodisco con “Onde está o verso?” ou o pop folk de “Vida aínda”, das miñas favoritas canda “Mares sucados”. As orixes, a natureza e as xentes, o pasado e a modernidade, e sobre todo ganas de vivir, coñecer e compartir é o que nos trasmite Ugia. Que non pasen moitos anos para un novo traballo ! E se volve ter un deseño tan fermoso como este de Xavier Velho, mel sobre filloas !

Pepe Cunha, 24-setembro-2022

AXENDA