A partir de hoxe pódense escoitar 21 arquivos de música tradicional nun paseo polo casco vello de Compostela

Marzo 24, 2021

nota:

A partir de hoxe e ata o 4 de abril xa é posible experimentar a proposta de paseo sonoro elaborada por Luneda Producións e Turismo de Santiago dentro do programa das xornadas O que non se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea, que durante toda esta semana achegarán a Compostela distintas propostas de aprendizaxe e experimentación sobre o patrimonio sonoro galego.

Como funcionará o paseo sonoro

Cada punto agocha un código QR para escanear e escoitar, cos auriculares do dispositivo móbil persoal, un anaco dunha peza de música tradicional. Acompañando a cada QR, atoparemos a información do audio: a quen lle foi gravado, onde e cando foi gravado e por quen foi gravado. Tamén por quen foi feita a selección da peza, xa que para escoller eses cortes contouse coa colaboración de destacados profesionais da música tradicional. O paseo é un percorrido por 21 espazos seleccionados entre museos, comercios e locais hostaleiros. Os códigos atópanse nos escaparates e cristaleiras, polo que non é preciso depender dos horarios de apertura dos establecementos. O Paseo Sonoro, concebido tamén como unha ruta turística circular e diferente polo Casco Histórico, comeza na Oficina Central de Turismo de Santiago, e remata na Rúa Nova. Esta actividade poderase realizar de xeito autónomo e gratuíto.

Pola tarde, o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Xosé Ramón Pousa; e Cristina Pujales, unha das súas asesoras; serán as persoas encargadas de conducir no Museo do Pobo Galego a escoita comentada dunha selección da súa colección de discos en pedra.

No Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega consérvanse preto de setecentas lousas de contido galego: desde as primeiras gravacións de 1904 do Coro Aires da Terra de Pontevedra ou os numerosos rexistros editados na emigración bonaerense e cubana, até cancións galegas interpretadas polas voces máis destacadas da época.

A evolución das técnicas de gravación sonora electromagnéticas, en vinilo e cinta magnética e, posteriormente, o son estereofónico, remataron cos gramófonos e retiraron da circulación os discos de pedra, que hoxe son unha rareza custodiada por coleccionistas. As lousas representan os comezos da industria cultural na sociedade de masas e permitiron a conservación até os nosos días tanto das gravacións históricas galegas como das producións sonoras impulsadas pola emigración en América.

As setecentas gravacións en pedra que o Arquivo Sonoro de Galicia ten reunidas até o momento, reflicten o noso patrimonio sonoro desde 1900 até finais da década dos 50. Segundo destaca o Consello da Cultura, os arquivos do denominado Proxecto Lousas, son os máis destacados de todos os que acubilla o Arquivo Sonoro de Galicia e onde tamén se inclúen cilindros de cera, rolos de pianola, cartuchos de casetes, casetes, vinilos, CD, DVD…,

As actividades das xornadas organizadas por Luneda Producións estenderase ata o próximo sábado e contan co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Acción Cultural e de Turismo de Santiago, así como coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Nas ligazóns seguintes podedes descargan o programa e o arquivo

AXENDA