nota:
A Orquestra Sinfónica Vigo 430 presentará mañá ao público vigués a produción máis ambiciosa de toda a súa traxectoria: a Sinfonía n. º 9 op.125 de Ludwig Van Beethoven,
Trátase dunha das obras máis icónicas, trascendentais e populares da historia da música e da arte en xeral. Grazas en grande parte ao seu sorprendentemente inusual último movemento —que musicaliza o poema de Friedrich Schiller Oda á alegría— esta obra converteuse nun símbolo da liberdade e nun chamamento á irmandade entre os seres humanos, quizais a manifestación máis grande e emotiva de amor á humanidade xamais creada. De feito, a partitura orixinal da sinfonía está inscrita no Rexistro da Memoria do Mundo da UNESCO, onde forma parte, xunto con outros sobresaíntes monumentos, da herdanza espiritual da humanidade.
Toda a grandeza e excepcionalidade que rodea esta obra fai que cada vez que se interpreta sexa un auténtico acontecemento, e así o será mañá, a partir das 20:30 horas no Auditorio Mar de Vigo, con máis de 150 músicos sobre o escenario (entre orquestra, coro e solistas) dirixidos polo titular da orquestra viguesa, Vicent Alberola.
Xunto á orquestra destaca a intervención do coro tamén vigués Gli Appassionati, dirixido pola mezzosoprano Nuria Lorenzo que tamén formará parte do elenco de solistas — de auténtico luxo—composto ademais pola soprano Soledad Cardoso, o tenor Javier Agulló e o barítono Luís Cansino.
As entradas están á venda na web de Ticketea e na tenda Discos Elepé en formato físico.