“A novela do bravú”, Xurxo Souto

Decembro 28, 2025

O movemento bravú -único con denominación de seu na música en galego canda Voces Ceibes ou a Nova Canción Galega- xa contaba cun libro dedicado á súa historia: “Bravú. A paixón que queima o peito” (Xerais, 1999) a cargo do meu colega Xavier Valiño. Tamén, Rodri Suárez argallara en “Non temos medo” (Nicetrip, 2014) a historia oral dos Diplomáticos, a banda bravú con maior repercusión desde que en 1991 nos atrapou co disco “Arroutada pangalaica”. Porén, cumpría contarmos coa visión do seu líder Xurxo Souto porque só el sería quen de aglutinar tantas vivencias en primeira persoa e ao tempo estar atento e aquelar as que lle transmiten compañeiros, amizades e xentes en xeral. Porque á sona ben gañada de comunicador entusiasta e xeneroso, cómpre engadir a de gran escoitador.

“A novela do bravú” repasa desde antes do encontro fundacional en 1994 aos tempos actuais da Orquestra Bravú Xangai, mais a cronoloxía amósase máis referencial e orientadora que estrita. Como é de esperar, aparecen mencións e historias vencelladas a nomes diversos e clasificábeis como “bravús, antibravús e parabravús”: Diplomáticos de Monte Alto, Rastreros (que divertido o episodio Noite Rastrera!), Cuco de Velle, O Caimán do Río Tea, Os Papaqueixos (“Sito Miñanco, preso político”!), Pinto D’Herbón, Os Skornabois, Korosi Dansas, Xenreira, Heredeiros da Crus, Yellow Pixoliñas, O Jarbanzo Negro, Tres Trebóns … mais tamén escritores, xornalistas, rexedores, Nunca Máis, Alexandre de Fisterra, o tren Xangai, o Xabarín Club, a revista Bravú, o CD Unión Bravú, a Selección Galega, a libraría Cartabón … Ademais, Souto recoñece o machismo do movemento e reivindica Marisol Manfurada -tamén na portada-, As Gharotas da Ribeira, a cantareira Xosefa de Bastavales ou Mercedes Peón. Por certo, ben interesante saber do encontro dela cun Manu Chao (Os Carayos-Mano Negra-Radio Bemba) que aparece varias veces por mor daquel proxecto da Feira das Mentiras e os tempos da mestizaxe.

Se o libro é necesario polo moito que conta, engadamos o entretido que resulta. Quen teña gozado dalgunha das súas presentacións, palestras ou disertacións, sabe do estilo de Souto: directo, emocionado, arroutado, auténtico. Pois este traballo é fiel reflexo desa vivacidade que tamén espallou en artigos no suplemento “Sermos” do Nós Diario que coido que aquí recupera. A narración de cada un dos case corenta capítulos atrapa pola emoción coa que nos comparte anécdotas e encontros. Cada episodio ten entidade propia e axuda a construírmos nas nosas cabezas a novela do Bravú e, ademais, ao final publica unha “Primeira Antoloxía da Poesía Bravú”.

Acabo esta recensión-recomendación con algunhas das non poucas frases a gardar: “Antes dicían que o galego non servía para o rock & roll, agora din que non serve para as matemáticas”; “Éxito, palabra maldita, que todo o condiciona. […] un programa obsceno: Operación triunfo”;Hai moita palabra alén dos micrófonos, moita música alén dos macrofestivais” ou “Sexamos heterodoxas! Como presta saír do rego!“.

Pepe Cunha, 28-decembro-2025

Edita Xerais

AXENDA

Facebook