A fusión de Jorge Drexler co Jofre, 21-xuño-2014

Xuño 25, 2014

As probabilidades de que un concerto sexa un éxito son altas cando a un recinto coa acústica e o encanto do Teatro Jofre chega un artista co carisma e o talento de Jorge Drexler. Algún aspecto pode fallar ou non estar á altura, como acontece coa promoción das actividades da Concellaría de Cultura de Ferrol, pero o tirón do uruguaio deixou este mal nunha anécdota e, polo menos, se cubriron uns ¾ do aforo. Quen eramos fans tiramos de quen tiñan as súas dúbidas ou prexuízos, porque xa sabemos o mal entendida que é ás veces a popularidade e o conseguinte alcance de diversos públicos por un mesmo artista. Drexler conserva ese don de convencer a un público amante das letras de cantautor, romántico e lúcido, pero a súa traxectoria desmonta calquera posible limitación e testemuña un músico realmente melómano e apaixoado da música popular pasada e presente. A invitación ao baile do disco que está a presentar é boa proba da súa inquedanza artística.

Perante un público diverso en idades, a amplitude do artista e a banda (cos produtores cómplices do disco nela: Carles Campón e Sebastián Merlín) amosouse en dúas horas xenerosas en calidade acústica e estética, con eses pequenos detalles estudiados pero de apariencia natural que van rendendo o público: unha coreografía pequena ao se presentaren, as introducións dalgunhas cancións, o sorriso perenne, a interacción co público, as louvanzas ao recinto e incluso nas suxestións do tipo de acompañamento rítmico d@s presentes, algo non sempre cómodo o para o artista. Todo isto cunha banda preparada para incidir no ritmo e os graves, o que obrigou a aplicarse no coidado da voz, defecto que só durou un par de temas. A partir de aí, son e luces estiveron no seu sitio, incluída a proxección de “estrelas” polo teatro, como se dun planetario se tratase. Así, e especialmente na parte final, fomos partícipes dunha auténtica discoteca latina, con presenza tamén da bóla de cristais.

O novo disco exerceu de fío condutor desde o principio co tema que lle dá título (“Bailar en la cueva”) e as cancións novas eran moi ben recibidas en convivencia coas máis coñecidas, que nesta xira son tratadas con máis presencia rítmica (fantástico o baixista!) e percusión. Unha primeira parte de “baile contenido”, e da que Drexler anunciaba continuación máis acelerada para o final, deu paso a unha parte central de “Guitarra e vos” iniciada por esta composición xenial , “Amar la trama” e dúas suxestións do público: “una milonga” á que respondeu coa sempre emocionante “Milonga del moro judío” e ”unha brasileira” contestada cunha versión fermosa da mítica “Desde que o samba é samba” de Caetano Veloso (invitado, por certo, na gravación de “Bolivia”, unha das mellores cancións do último disco.) A banda regresou para a traca final e cancións vellas e novas eran igual de ben recibidas e acompañadas, demostrando a importancia dun setlist equilibrado e unhas novidades á altura. Recuperar pezas como “Sanar” ou “La luna de espejos” resultou tamén un acerto para incidiren nesa diversidade sonora.

O Jofre celebrou o Día Europeo da Música cunha festa rebordante de clase a base dunha amálgama de ritmos e latitudes: funky, electrónicos, cumbia, candombé, salón, afrocaribeño … Jorge Drexler amosou que está nunha liga aparte, facendo brillar un recinto de luxo. Cumpriu con creces coas expectativas do seu público e gañou o recoñecemento de quen foron probar.

Pepe Cunha, 25-xuño-2014

Setlist:
“Bailar en la cueva”
“Esfera”
“Transporte”
“Cai creo que caí”
“Las transeúntes”
“Sanar”
“Luna de espejos”
“Guitarra y vos”
“Amar la trama”
“Desde que o samba é samba”
“Milonga del moro judío”
“Don de fluír”
“La plegaria del paparazzo”
“Data data”
“Deseo”
“Bolivia”

“Universos paralelos”
“Luna de Rasquí”

“Todo se transforma”
“Me haces bien”

AXENDA