á felicidade polo pop ao vivo con The Rubinoos na Mardi Gras, 9-out-14

Outubro 13, 2014

Se na academia do rock and roll existise unha materia tipo “Á felicidade polo pop ao vivo”, The Rubinoos serían uns candidatos a impartila. Así o volveron amosar na súa primeira visita á Sala Mardigras, que non a Galiza, onde xa deixaran pegada en varias ocasións. De feito, non eramos pouc@s quen tripitiamos e non cansamos de recomendalos. Un concerto ben executado e que coida os seus diversos aspectos acumula papeletas para facer feliz a quen o presencia.

Coma nunca estiveron de moda, non deslumbran de partida cun excesivo protagonismo e chegan así como non quere a cousa: humildes, afables, próximos. O cuarteto arranca con “Rockin” in the Jungle” a capella e deixa claro que non vai ser unha noite coma tantas outras: o traballo de voces individuais e coordinadas non amosa fenda ningunha. Xa que logo, a atención do público está conseguida e as facianas deste xa comezan debuxar ese sorriso que manterán durante a hora e media.

No apartado do repertorio, para que ninguén se despiste colocan versións de cancións memorabeis (“Shake Some Action”, “Sugar Sugar”, “No Matter What”, “Sheena is a Punk Rocker” … ) nun repaso á súa traxectoria (“Gorilla”, “Driving Music”, “Amnesia”, “Early Winter”, “Not Just Another Pretty Face” …) con especial atención ao seu disco homónimo de 1977, toda unha lección é unha lección de pop-rock en diferentes variantes: “Wouldn”t It Be Nice”, “I Wanna Be Your Boyfriend”, “I Think We”re Alone Now” (o seu gran éxito a cargo doutra), “Hard to Get”, “Peek-A-Boo”, “I Never Thought It Would Happen”, “Rock and Roll is Dead”.

Na interacción co público tamén son mestres grazas a entretidos comentarios introdutorios en castelán/inglés e unha dose correcta de xestualidade cos instrumentos. Xa sabemos, ese aspecto escénico que tamén cómpre coidar pero que non tod@s @s artistas saben vestir con naturalidade. Do mesmo xeito que cando xorde algún fallo técnico. Neste caso, benvido sexa, pois o aproveitaron para incidir na súa influencia doo-wop con talvez os mellores momentos puntuais da noite: os clásicos “My Girl” e “I Only Have Eyes for You “a capella. Porque se hai moitas bandas que soan ben e intepretan cancións notabeis, a calidade vocal de The Rubinoos supera con moito a media.

En definitiva, os directos de The Rubinoos son unha sorte de segredo a voces que, como sucedeu neste caso, o programador da sala descubriu nun festival especializado no xénero (o Felipop de Limodre) e teimou en compartilo cando puido. De seguro, o público desa noite agradecerallo sempre e será xa parte da lexión de recomendadores.

Pepe Cunha, 13-outubro-2014

AXENDA