A esencia a proba de pandemias do Festival SInSal de San Simón, 23 a 25 de agosto de 2021

Agosto 14, 2021

Neste regreso dos festivais faltaba saber como sería o do SinSal na Illa de San Simón, un referente no verán galego. A propia organización cualificou esta edición como “esencial”, apostando por manter a súa proposta dentro do que permite a situación de pandemia. Non entraba nos plans espallar a cita en días con cadanseus concertos e o público sentado. Aquí cumpría volver á illa para convivirmos durante varias horas e descubrir as propostas musicais dun cartel secreto. Iso era o esencial e, transcorridas as tres xornadas, cómpre dicir que as peculiaridades loxísticas volveron ser manexadas tan ben como nos teñen acostumado, que o comportamento do público estivo case á altura (sempre hai excepcións) e que gozamos da música ao vivo de pé ou sentadas, algo que tanto botabamos en falla.

Entre os cambios coas edicións anteriores estiveron a redución de escenarios, o peche a illa de San Antón, unha menor venda de entradas -dunhas 800 a 500 persoas-, o cartel totalmente diferente cada día e a imposibilidade de facerse cun abono. Todo na procura da maior seguridade e de aumentar a posibilidade de que máis xente puidese (re)vivir a experiencia. Ademais, evitar os concertos ao mediodía evitou a aglomeración da hora de xantar. Xa que logo, estruturalmente a esencia seguía aí, mantíñanse os sinais de identidade á espera da oferta musical diferenciada do habitual desde a primeira edición.

Nela notouse tamén a pandemia, pois non tivemos esas propostas doutros continentes que adoitan facerse cun lugar especial na nosa memoria por seren, como mínimo, as menos habituais. Loxicamente esperabamos presenza maioritaria de artistas da Península e así foi, ao igual que o complemento de mesas de diálogo e divulgación ou o escenario virtual Liveforevr con DJ Akazie. En canto aos concertos, repasamos por días a oferta variada de artistas. O venres, desde A Coruña, Leticia Rey, Elba, de Euskal Herria Chill Mafia eta Ben Yart, e de Cataluña Queralt Lahoz. O sábado desde Vigo Mariagrep, desde Cataluña Tarta Relena e desde Portugal Siricaia e Whales, que substituíron as Tanxugueiras en tempo récord (tremenda produción!). Finalmente, o domingo desde Galiza Peña e o DJ Viktor Flores, desde Cataluña Nico Roig, a estadounidense Tonina e a fin de festa coa barcelonesa Rigoberta Bandini.

Salientando as actuacións fantásticas do dúo Tartarelena e Queralt Lahoz e a súa banda e a decepcionante, para o nivel do festival, de Marigrep, desfrutamos duns bos concertos e a sempre agradecida variedade. Non defraudou en absoluto a máis popular Rigoberta Bandini, gustaron as dúas formacións portugueses, as galegas Peña e a prometedora Elba; o cantautor Nico Roig ofreceu un concerto agradábel estupendamente acompañado por Lucia Fumero e talvez foron a menos as actuacións de Tonina e o colectivo de Iruña Chill Mafia eta Ben Yart. En conxunto axudaron a sumar no importante, que foi volvermos gozar desa maxia que sae da conxunción de música, da paisaxe e un espazo con historia, do “esencial” desta cita, polo que só podemos dicir que “Grazas, SinSal! E até o 2022!”

Pepe Cunha, 2-agosto-2021

AXENDA

Facebook

14 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook