Chegou un libro sobre “os padriños do rock galego” e vén asinado pola última persoa en entrar na banda xurdida en Meirama. Baixista nela desde 2016, Laura Romero (Alacant, 1991) é ilustradora recoñecida en moitos traballos como, por exemplo, os libro-discos de Pakolas, ademais de crear o proxecto Músicas Galegas Ilustradas e compartir con Iria Pedreira o libro Ferreñas e Rock and Roll. Porén, máis que escritora aquí deberiamos dicir que exerce como investigadora e coordenadora, pois este volume está construído ao xeito dunha narración colectiva á que dota do encanto dun fanzine en branco e negro de 346 páxinas. Ao longo delas, vemos como fotografías, entradas, carteis e as ilustracións de Laura se mesturan con algúns textos propios e, sobre todo, coas declaracións e algún artigo de músicos da banda e doutras, de familiares, amizades ou achegadas.
Con estes ingredientes e co texto imitando a escritura manual imos sabendo da historia da banda máis veterana do rock en galego, das raíces deste e desa comarca musical cómplice arredor de Cerceda, Ordes e Carral. Asemade, lemos reflexións sobre as razóns e as circunstancias da creación do grupo desde o predecesor Mördor, do sentido do seu nacemento e a da continuidade, a independencia, a amizade, os obxectivos, o concepto de triunfar, a creación dun festival, as posíbeis oportunidades perdidas ou desaproveitadas para ser máis populares … E aquí atopamos a maior riqueza da lectura dun libro arredado do académico e que deixa a un lado, por exemplo, comentarios sobre os diferentes discos. Isto fala máis de crear e compartir comunidade, de mobilizar, de crear vínculos e mudar as cousas, de convivir e experimentar e non faltan algunha reflexión sobre que entendemos por triunfar.
“A culpa foi de Leño” -nome tomado dun dos clásicos no repertorio de Zënzar- ten moito mérito non só pola autoedición senón tamén pola concreción. Inzado de declaracións baseadas en recordos, sensacións, o paso do tempo, as noites difusas canda a barra … o libro resulta próximo e entretido, ao tempo que resume con coherencia ese traballo inmenso de entrevistas e búsqueda de información. Teñamos en conta que falamos dunha banda underground e independente, referente e influínte dende a súa liberdade, allea a calquera moda e sen apoio mediático. Antes do bravú, do Xabarín Club, dos anos do bipartito na radio e televisión pública, os Zënzar xa estaban aí e a historia merecía ser contada. Laura preguntou para sabela e compartírnola, contextualizando e engadindo un bonus track interesante onde aparecen ilustracións e opinións de artistas e bandas novas.
Pepe Cunha 25-xaneiro-2025