nota :
O Concello da Coruña organiza o 1º Festival de Música San Xoán Pequeniño, no que, durante todo o día e de xeito gratuito, nenos e familias poderán disfrutar dunha xornada chea de propostas de ocio infantís pioneira na Comunidade. Mamá Cabra, Tic-Tic, os Bolechas e A Nena e o Grilo serán algunhas das actuacións principais
A data elixida é o luns 24 de xuño, día de San Xoán, de 12 a 14 horas e de 16 a 20 hora na Praza de María Pita, na Coruña
A Coruña converterase o próximo 24 de xuño na capital galega da música infantil. A Praza de María acollerá durante todo o día o 1º Festival San Xoán Pequeniño, unha xornada dirixida ao público infantil e xuvenil que, acompañado das súas familias, poderá disfrutar de xeito gratuito dunha extensa programación musical durante o día máis longo do ano.
Trátase dunha proposta de ocio pioneira en Galicia, organizada polo Concello da Coruña e pola xestora de propostas culturais para a infancia e a xuventude Urdime. Mamá Cabra, Tic Tac, A nena e o grilo, Os bolechas, Odaiko, Fantoches Bajo ou Teatro Ghazafelhos e Babaluva serán algúns dos grupos de música e teatro que actuarán no festival, no que tamén haberá tempo para Circo Chosco, a ludoteca xiramundos da Casa dos Xogos e Xogos Paporrubio.
A intensa xornada infantil, que será presentada toda ela por Pepablo Patinho, Montse Pilón e Jorge Casas, completarase con obradoiros de percusión, de construcción de monicreques, de creación en tea ou de creación de móbiles.
En definitiva, un festival na Coruña pensado para os cativos no que, durante 6 horas, nenos e maiores desfrutarán das propostas culturais máis destacadas que ofrece agora mesmo o panorama galego.
Para celebrar o 1º Festival San Xoán Pequeniño, na praza de María Pita instalarase un escenario, no que terán lugar as actuacións musicais e teatrais principais, e, paralelamente, desenvolverase toda a programación de obradoiros, xogos e espectáculos de rúa.
Con esta iniciativa, que forma parte da programación das Festas de San Xoán da Coruña, a cidade herculina convértese no primeiro concello galego en acoller un Festival infantil de semellantes características. O seu obxectivo é ser o referente galego deste tipo de programacións, onde os pequenos, xunto coas súas familias, compartan ao aire libre e coa chegada do bo tempo un día chego de maxia no que se festexe o verán tan agardado e o final do curso escolar.
Se ben a día de hoxe existen propostas infantís consolidadas en forma de festivais, mostras ou feiras en diferentes lugares de España, como pode ser o Festival de Títeres de Soria ou Rendondela, as feiras de artes escénicas de Madrid Teatralia, ou a de Xixón Feten, incluso o Sonarkids dentro do Festival Sonar, en Galicia, ata o de agora, ningún concello tiña organizado un Festival musical infantil das características deste San Xoán Pequeniño que aspira a converterse nun referente non só da cidade senón tamén a nivel galego e estatal.