A Concellaría de Cultura do Concello de Ferrol presenta o ciclo “Na raíz” co asesoramento de Ábrete de orellas

Outubro 02, 2015

A Concellaría de Cultura do Concello de Ferrol presenta “Na raíz”, un ciclo de concertos protagonizados por artistas que rachan con moldes e prexuízos desde o coñecemento da tradición.
 
Catro citas no Teatro Jofre con seis nomes que son sinónimo de compromiso artístico, calidade e atemporalidade.
 
venres 30 de outubro, 20:30 h.
Raúl Rodríguez “Razón de son” (Andalucía)
 
Este músico, productor e antropólogo sevillano recolle no libro-disco “Razón de Son” 20 anos de investigación sobre a música popular andaluza e a súa conexión con outras músicas. Desde mediados dos anos 90 militou nos grupos Caraoscura e Son de la Frontera, produciu a Las Migas, traballou en discos da súa nai Martirio, Kiko Veneno ou Juan Perro y la Zarabanda e moitísimos artistas máis requeriron as súas excelencias á guitarra e o tres flamenco, do cal é un pioneiro. Desde a súa aparición en octubre de 2014 e a súa participación no WOMEX, “Razón de Son” colleitou loubanzas abondas dentro e fóra de España. A súa conxunción de virtuosismo, didáctica e carisma deixarán pegada no seu paso por Ferrol.
  
xoves 19 de novembro 20:30 h.
Davide Salvado (Galiza) + Caxade (Galiza)
 
A voz e a interpretación deste marinés namorado do rural son tan evidentes que o xurado internacional do WOMEX, a feira de World Music máis importante do mundo, o elixiu para participar na edición de 2014. Até entón só Mercedes Peón gañara esa honra para Galiza. Tras Ecléctica Ensemble, Budiño, a Banda das Crechas, Rústica e o debut de seu “Árnica pura” (2011), producido por Eliseo Parra, chega un álbum que confirma as expectativas. “Lobos” (2015) é amor actual pola tradición, pola terra, pola lingua e polas xentes, en especial por esas mulleres fortes, pandereteiras e bailadoras, nas que Davide recoñece a súa formación e aprendizaxe. Ese enraizamento tan puro, salvaxe e fermoso na súa contorna fai que a súa arte non só nos chegue a nós, senón que sexa quen de emocionar ouvidos doutras terras.

 O proxecto persoal do acordeonista Alonso Caxade supuxo unha sorpresa no panorama galego. Primeiro, coas súas cancións difundidas en videoclips pola Internet e deseguido co álbum de debut “A dança dos moscas”. Acompañado coa formación completa de bombardino (Manu Espinho), trompeta e carrillón (Manu Paino) e batería (Xosé Tunhas), esta longa xira chega por fin a Ferrol, xusto antes de entraren a rexistrar o segundo álbum. Se o coñecimos en proxectos vencellados ao tradicional dun xeito peculiar e desprexuizado coma Pel de Noz, Orquestra Os Modernos e un Cuarteto Caramuxo que abandonou para se centrar nesta proposta onde o público da escea alternativa e o da folque-tradicional teñen un lugar de encontro; un folque de melodías novas que reivindican o coñecemento da tradición e canta letras de denuncia.
 
 
venres 18 de decembro 20:30 h.
Carmen París “E-jazz con jota” (Aragón)
Cada traballo desta aragonesa é sinónimo de recoñecemento. O seu debut en solitario “Pa mi genio” (2002) mereceu o premio a Mejor Álbum de Música Tradicional e “Jotera lo serás tú” en 2006, “InCubando” en 2009 o de Mejor Álbum de Fusión, e foi galardonada co Premio de las Músicas Actuales en 2014. Carmen París revolucionou a jota aragonesa con creatividade, elegancia, expresividade, paixón, moita inquedanza artística e poucos prexuízos: “Que a mí no me duelen prendas de cantarte por rancheras o por chotis o en zulú”. Sobre as táboas, esta vocalista libre e inimiga dos corsés estilísticos reborda personalidade, entrega e simpatía. “E-jazz con jota”, o traballo que por fin a trae a Ferrol, combina a forza expresiva da jota coa riqueza harmónica e de ritmos do jazz. Iso si, non pensen que a París desaproveitará a oportunidade de coquetear con sons mediterráneos, andalusís, afrocubanos…
 
 venres 15 de xaneiro 20:30 h.
Fetén Fetén (Castela-León) + Cuarteto Caramuxo (Galiza)
 
Os polifacéticos Diego Galaz e Jorge Arribas chegan ao Jofre para facernos bailar. Con candansúas bagaxes labradas en mil e un proxectos alleos, propios e conxuntos (La Musgaña, Nacho Mastretta, Ibérica de Danza, Zoobazar, Korrontzi, Celtas Cortos, Zenet, Zoobazar, La Apasionante Música de Cine … ) Fetén Fetén inspíranse agora nos salóns de baile, as sesións vermú e as festas populares para presentar un traballo baseado nos ritmos de sempre: valses, boleros, pasodobles, jotas, tangos, rumbas, fox trot, chotis, chachachá … Como se non abondase con seren uns magos dos seus violín e acordeón, suman ao espectáculo unha chea de instrumentos, algúns verdadeiramente insólitos, como o violín trompeta, o vibrandoneón, o serrucho, a mandolina e a frauta. Onde queira que van, gañan o público.

Desarman desde un principio, pois son un cuarteto que suma seis instrumentistas: catro clarinetes, acordeón e percusión. Cuarteto Caramuxo parte de pezas do canto galego de tradición oral para xogar con elas e crear uns instrumentais que presentan ao vivo con elegancia e certa teatralidade. Poden saír por calquera estilo (funk, reggae, soul, jazz, valse, swing, aires centroeuropeos …) sen perderen nin un chisco de xeito e sutileza. Velaí o seu maior mérito. A súa é unha mestizaxe que racha o xusto co sentidiño pero moito cos prexuízos. Nos últimos anos convenceron o público do festivais de referencia como o Interceltique de Lorient, Ortigueira ou o Pirineos Sur. Eles mesmos din neste recente segundo disco: “Procuramos novos camiños musicais coa intención de ofrecer variedade sen renunciar aos nosos principios de elegancia e bo humor con referencias a músicas e ritmos recoñecibles”. Pasen e déixense sorprender.

Organiza: Concellaría de Cultura
Colabora: Ábrete de Orellas
Produce: Luneda Producións

Máis información e entrevistas: lunedaproducions@gmail.com / 646165044

AXENDA

Facebook