A Compañía do Ruído presenta “Pensares galegos” ou como xuntar nun disco o amor pola terra, o mar e a música

Febreiro 26, 2013

A Compañía do Ruído quere o mar, quere a xente e quere a música. Así, o seu novo traballo “Pensares galegos” reúne eses tres xeitos de amar e dalles forma redonda e escoitable. Segundo un dos compoñentes, Suso Bello, “este é un proxecto para o pobo” e que será financiado a través de Verkami.

Fai xa 10 anos que a Compañía do Ruído se embarcou nun proxecto cultural e, logo de cinco discos, deciden “embarcarse en serio” e lanzar un novo con nove temas propios e outros dous de “Os diplomáticos de Montealto” e Zënzar, así como a recompilación de “cantares” tradicionais galegos. Dentro desas nove pezas, boa parte delas son unha radiografía sonora da vila de Ribeira, da xente e da realidade dun pobo mariñeiro cunha identidade propia.

O grupo precisaba 2.200 euros para a gravación e a produción deste disco, micromecenado que veñen de superar estes días a través da plataforma Verkami. Tal e como afirman desde o grupo, “non se trata só dun disco máis de “A Compañía”, senón dun proxecto máis amplo, transversal e integrador da cultura galega”; desde a máis tradicional á máis actual.

Para levaren adiante este proxecto contan coa participación de técnicos, deseñadores, pequenas fábricas de edición de cds e músicos de Galicia tales como Tomás Ageitos, Oplup, Culturactiva ou Jesús Parada, entre outros. “Eles son só unha parte das persoas que contribúen á realización do cd”, afirman desde A Compañía, podendo así amosar “os seus grandes coñecementos” e, asimesmo, dar “boa conta da calidade artística e musical” do panorama galego do momento, din.

Sen dúbida, “Pensares galegos” vai ser toda unha revolución no panorama musical galego, xa que lle dá unha volta tanto ao procedemento creativo, como á produción e, sen dúbida á presentación do mesmo, que sorprenderá polo novidoso e polo emprazamento no que se ten previsto realizar.

Arestora están a preparar unha festaza para o próximo 23 de marzo, a da Chuvia, na que presentarán o disco dun xeito diferente.

AXENDA