5 € / 4 € (anticipada) / 2,5 € (soci@s)
…e xa van dez anos… e xa van cinco discos (autoproducidos, sempre!) … e xa van centos de actuacións, milleiros de cancións, milleiros de bailes, de risas e amizade… e o traballo non para. A Compañía do Ruído está formada por sete persoas que dan vida a unha orixinal mistura de diferentes estilos. Destaca o escarnio nas súas letras, que lanzan mensaxes combativas a través de ritmos bailables e divertidos. Folk, rock, ska, corridos mexicanos, rumba, punk ou reggae, entran no batedor da Compañía, procurando unir así o divertimento e a resistencia social. Con dez anos de traxectoria, A Compañía do Ruído ofrece un directo sólido, dinámico e contundente, cargado de enerxía, imaxinación e bo humor. Cargado tamén de temas novos, pero tamén cancións súas de sempre, nun ano tan especial para a banda. Son cinco os discos que xa teñen no mercado, Só Existe Ruído (2003), Barruntando (2004), A Compañía do Ruído (2005), Chuvia 06 (2006) e Había de chover merda (2011). Ademais teñen participado en diferentes discos de colaboración como o disco homenaxe aos Diplomáticos de Monte Alto, 120 capadores. A Compañía parte da súa raíz principal, o ritmo, a festa e o ruído, cun espectáculo cheo de forza, intensidade, velocidade e potencia, no que se misturan os ritmos e melodías de medio mundo, no que cantar e contar en boa compaña…