A caboverdiana Mayra Andrade e Enredadas (Martirio, Uxía, Carmen París e Ugia Pedreira), primeiras artistas confirmadas no 15 aniversario de Cantos na Maré

Agosto 27, 2019

nota:

O Cantos na Maré regresa á cidade de Pontevedra os días 13, 14 e 15 de setembro para celebrar unha décimo quinta edición que acollerá 15 concertos e máis dunha ducia de actividades. As protagonistas dos espectáculos que terán lugar no Pazo da Cultura serán a caboverdiana Mayra Andrade, que actuará o sábado 14, e Enredadas, o proxecto conxunto de Uxía, Martirio, Carmen París e Ugia Pedreira, que pechará o festival o domingo 15 nun espectáculo ao que se van sumar outras voces da Lusofonía.

Mayra Andrade, a estrela caboverdiana, abandeirada do pop tropical e afincada en Lisboa, vén de lanzar o seu quinto álbum, ‘Manga’, en crioulo e en portugués. Nel regresa aos sons da música africana do continente (foi gravado en Abidjan e París) coas súas raíces caboverdianas. Neste traballo traza unha delgada liña que oscila entre o urbano, o afrobeat e a música tradicional do seu país. Colabora Kim Alves, o famoso multiinstrumentista da illa, canda unha nova xeración de músicos do Occidente africano e o produtor de Costa do Marfil 2B.

A súa música é fresca e versátil. Un cóctel onde reformula a súa música materna e explora os sons tropicais. Non somos quen de atopar unha definición exacta do seu estilo, pero a súa música evoca a Cabo Verde, á costa brasileira, e ás zonas desérticas africanas. A súa música soa a verán.

O jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira reúnense no proxecto “Enredadas: Coplas e Alalás”, que suma para o concerto de peche do Cantos na Maré voces da Lusofonía que se unirán a este cuarteto. Enredadas naceu co fin de promover, fomentar e difundir a arte como encontro; estreitar o coñecemento e a experiencia destas cantoras que revisitan a copla, a jota ou os alalás. Catro mulleres que reinventaron e revolucionaron estes xéneros e lles deron unha nova vida e unha nova visión desde o risco, a experimentación e a creación de novos contidos e arranxos que entroncan co jazz e outras músicas facendo que chegue a outra audiencia.

A afinidadade que senten vén dada polo atrevemento, a solidez e o humor cos que elas enfrontaron este reto. Diríase que son almas xemelgas de universos culturais diferentes, o que fará que o espectáculo sexa unha festa da música de raíz e de irmandade.

O novo Cantos na Maré

Sen abandonar a idea primixenia da lingua como conexión de Galicia coa Lusofonía, Cantos na Maré dá un paso máis e toma unha nova reorientación. O Festival quere atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos. Coa música como gran nexo, desde a música de raíz ás músicas urbanas pasando polas voces corais e a polifonía, mais sen renunciar a outros contidos como a gastronomía, a narración oral ou a danza. Non só haberá novos contidos senón tamén novos espazos para desenvolver actuacións e accións espallados por toda a cidade de Pontevedra, que se sumarán ao habitual espazo central do Pazo da Cultura, pois CNM tamén pretende ser un festival que promova a descuberta e revalorización do patrimonio da cidade.

AXENDA