Con dous álbums longos, un mini dedicado a Xela Arias en 2017 e un feixe de concertos, son unha das bandas máis populares nos últimos anos na escena do pop-rock en galego, esa que segue nun eterno underground. Este novo traballo vén constituír outro paso equilibrado en continuísmo e novidade na súa traxectoria. A Banda da Loba é un proxecto de currantas que segue a amosar crecemento como músicas e compromiso coas causas destes tempos: a cultura, a lingua, o feminismo, a diversidade ou o ecoloxismo.
E tamén á memoria, porque manteñen unha ollada ao pasado, neste case ás mulleres que se reunían nos lavadoiros, dos que facían un espazo de conversa onde seren elas e compartiren as súas confesións. De aí as “Fiestras abertas” que abren o disco e o título deste, no que sinalan que moitas veces os cualificativos non son o mesmo en masculino ou en feminino. Disto trata concretamente “Lingua perversa”, onde se acompañan dos Monoulious DOP para se achegaren ao funky. Nesta liña de probaren outros estilos tiran cara ao indie-pop contido en “Sonho” ou bailábel en “Plumas amarelas”, e aos ritmos máis latinos de “Locura” cun texto de Xosé Lastra, padre da vocalista Xiana. Esta lócese especialmente nos momentos que tiran a épicos como a historia d”A Capirota” ou a de “Pepa”, que revisan do seu disco de debut, pero sobre todo en “Máis”, das miñas favoritas.
En xeral, “Xabón lagarta” é un traballo continuísta, ben feito pero sen grandes sorpresas, que combina o ton máis introspectivo coas invitacións a corear e bailar; que pasa do pop-rock máis accesíbel, claramente camp e con vocación de himno d“A tribo” ou “Plumas amarelas”, ao ton máis serio e duro da mencionada “Máis”, “Habitante da espiral” ou “Cobiza”, inspirada na novela de María Reimóndez. Porque si, seguen a facer boas cancións a partir de poetas como Regina Touceda (“O peso do peito”) ou Carvalho Calero (“Sonho”). A Banda da Loba suma e segue.
Pepe Cunha, 14-decembro-22