A Banda da Loba “Lovismo”

Maio 09, 2025

Tras unha pequena pausa, o quinteto A Banda da Loba (ABDL) regresa cun cambio na banda -a entrada de Iria á guitarra- e novos folgos. Este quinto traballo preséntase cun título que apunta ao amor como fío condutor temático: unha homenaxe ao amor nas súas múltiples formas de expresión: o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso … Porén, non se fagan expectativas erróneas quen esperen un disco complexo no musical por ter ese algo de conceptual. Cada canción ten identidade de seu e, como nos teñen acostumadas, apostan pola variedade estilística ao longo das once cancións: pop, blues, folk, rock, ska, kletzmer, tradicional …

Desde o seu nacemento hai xa oito anos, ABDL afronta cada disco en conxunto, con traballo e dedicación de seu. Non se limitan a xuntar unha colección de cancións compostas recentemente. Ao tempo, hai aspectos que non faltan nos seus discos como o coidado pop das melodías e as mensaxes comprometidas, tampouco moi profundas, que comparten: lingua, cultura, diversidade, memoria, sororidade, liberdade … Outra das súas características é a de musicalizaren poemas, desta vez Rosalía de Castro en “Un pelouro que roda” e Luísa Villalta en “Cruel filosofía” e “E o mar”. E finalmente, temos esas colaboracións que inciden na diversidade: De Vacas nunha das sorpresas estilística do disco (“A bachara da gata”), o achegamento á electrónica con Terrae (“Olliños”), Tomé Mouriño de De Ninghures en “Cruel filosofía” … Con todo isto en conta, cómpre salientar un par de pezas unidas pola maternidade (“Agora” e o arrolo “Estreliña riscada”) e un conxunto de cancións de corte bailábel e efectivo: “Lova”, “Amigas”, a roqueira en modo 80’s “Salta” e o tremendo ghit que lles deixou a guitarrista Inés: “Xogo de agardar”.

Neste panorama de présas e oportunismo, “Lovismo” é exemplo de que Andrea, Estela, Marcela, Xiana e Iria (antes Inés) fan por crecer un chisco en cada entrega e probablemente este sexa xa o seu traballo máis sólido. As cancións funcionan, con atención á melodía e unha produción limpa, correcta, desde os estudios Abrigueiro, un seguro. Nunha escena normalizada serían con merecemento un proxecto popular pola conxunción de bo facer e accesibilidade. Entón, só engadir pola miña parte que poderiamos agardar un chisco máis de risco ou experimentación sonora alén incluíren instrumentos de vento ou vibráfono e ese toque de electrónica.

Pepe Cunha, 9-maio-2025

 

 

AXENDA

Facebook