A banda da loba “Bailando as rúas”

Xaneiro 11, 2018

Coma a personaxe que as inspira e cuxa historia contan nunha das cancións (“Pepa”), este proxecto musical ten a enerxía e a valentía do feminino. Ao igual que Pepa a Loba, estas cinco rapazas son tamén activas e rebeldes no seu tempo para amosaren unha inquedanza cultural que parte do público bota en falla na súa xeración. Polo menos no que respecta ao país. Así recibimos con ilusión un debut no que a balanza se decanta polo lado positivo e que nos devolve a voz fermosa de Xiana Lastra tras Puntada sen fio.

Canda ela traballan en conxunto a outra compositora principal Andrea Porto (baixo e teclado), Inés Mirás (guitarra, baixo e teclado), Estela Rodríguez (violino) e Marcela Porto (batería e percusións). E as invitadas a cantar tamén son mulleres máis que notabeis e ben acaídas para as colaboracións: Tanxugueiras na mencionada “Pepa” e Guadi Galego en “Ti e eu”, sobre versos de Celso Emilio Ferreiro. O poeta, tamén musicado con acerto en “Abrente”, é a presenza masculina con Tomás Ageitos e Adrián Saavedra na parte da gravación e Pixelín nas fotos para un deseño gráfico da propia Xiana.

Nos textos tamén reivindican por partida dobre as amigas poetas Rosalía Fernández Rial e Celia Parra e non falta unha man de letras propias que non desmerecen ese coidado. O álbum en conxunto non sorprende no musical, non é vizoso en arranxos ou detalles, pero retrotráenos con solvencia ao son de bandas onde as influencias do tradicional mestúranse co pop-rock e aquí o violino e a voz contribúen a esta impresión. Se o importante é que as cancións funcionen, aquí conseguen entregar un feixe delas e podes sorprenderte cantando algúns retrousos. O valse-arrolo de ”Bailando as rúas”, á Europa do Leste na segunda parte de “Coma un blues”, tamén influencia norteamericana co country en “Tres en raia”, o folque propio nesa “Pepa” coas Tanxugueiras, as máis rock e pop “Abrente”, “Negro azul”, “Tres segundos” e ”Ti e eu”… A ilusión queda máis que xustificada con este disco.

Pepe Cunha, 11-xaneiro-2018

AXENDA