nota:
A artista canadense Kee Avil, a banda chilena Newen Afrobeat e a artista española Verde Prato conforman o regreso do ciclo Liberdades Sonoras a Lugo
O ciclo comezará o sábado 21 maio coa artista canadense Kee Avil, que combina guitarra, voz, electroacústicas e música electrónica.
O Vello Cárcere de Lugo recupera o ciclo Liberdades Sonoras despois de dous anos de parón obrigado debido a la pandemia.
O ciclo Liberdades Sonoras, que regresa despois de dous anos de parón obrigado debido á pandemia, abrirase o sábado 21 de maio co concerto de Kee Avil, proxecto da artista multidisciplinar Vicky Mettler e unha das apostas do prestixioso selo canadense Constellation. O concerto será a presentación, por primeira vez en Europa, do seu álbum debut, Crease. A canadense combina guitarra, voz, electroacústicas e electrónica cunha gran exploración das diferentes arquitecturas compositivas para crear cancións dunha gran sensibilidade estrutural, con detalles crecentes e intensos.
Continuará o venres 3 de xuño co concerto da banda chilena Newen Afrobeat, referente deste estilo musical a nivel mundial e conformada por 13 músicos en escena. A súa música é unha fusión de afrobeat con música latina e funk, con cancións cheas de mensaxe social en defensa dos territorios e as comunidades. Unha verdadeira festa familiar de música, danza e conciencia social e que nesta xira presentará nova música.
O ciclo pechará o sábado 25 de xuño co concerto de Verde Prato, gañadora do Premio MIN 2022 a mellor disco en euskera polo seu álbum debut, Kondaira eder hura. É expoñente dunha xeración de artistas novos que están a recuperar a tradición vasca para levala a lugares insospeitados, sorprendentes e emocionantes, cruzando na súa música cantos populares e litúrxicos con música electrónica. Verde Prato acaba de publicar a principio deste mes de maio o seu novo EP, Jaikiera, que recibiu grandes eloxios da crítica nacional.
Liberdades Sonoras pretende atraer a Lugo propostas arriscadas e innovadoras, difíciles de ver nas programacións habituais das salas de concertos, para dar protagonismo e novas lecturas ao lugar que as acolle.
As tres citas abrirán as súas portas ás 20:00, e son de acceso libre ata completar aforo. A organización corre ao cargo de WORK ON SUNDAY e CLAP, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.