nota:
Do xoves 11 ao domingo 14 de agosto, o festival ofrecerá unha programación que se achega ás marxes do jazz a través de propostas que xogan con outros estilos como o soul, o flamenco ou as músicas populares. O VI Jazz de Ría amplía territorios musicais e tamén escénicos, sumando un novo espazo no concello de Cedeira que xunto a Narón e Neda colocan á costa ártabra nun lugar destacado no mapa dos festivais de jazz.
Esta mañá presentouse no parque Freixeiro de Narón a programación da 6ª edición do Festival Jazz de Ría. No acto participaron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e o director técnico do Pazo da Cultura de Narón, Luciano Fernández; a concelleira de Cultura de Neda, Verónica Vigo e a técnica de Cultura de Neda, Copi Villaamil; o alcalde de Cedeira, Pablo D. Moreda, e o técnico de Cultura de Cedeira, Quique Vázquez; e a directora do festival, Aitana Cuétara.
Aitana Cuétara presentou o programa desta sexta edición como “unha proposta artística que procura un equilibrio entre o jazz galego e os proxectos máis interesantes do jazz estatal, apostando polo intercambio e a colaboración con artistas e festivais doutros lugares”. Sobre a selección de propostas deste ano, a directora explicou que despois de propoñer en 2021 unha programación moi contemporánea, neste 2022 quixo achegarse máis ás marxes do jazz; “con propostas que xogan con outros estilos, como o soul das Sey Sisters, o flamenco de Los Aurora ou as músicas populares d’A Brigada Bravo&Díaz”.
O alcalde de Cedeira, Pablo D. Moreda, mostrouse ilusionado por unirse ao festival, que vai coincidir co comezo das festas da vila. Moreda sinalou que queren sumar forzas para “poñer en valor o jazz e as músicas que se cruzan con el, nunha vila coma Cedeira, onde a cultura e sobre todo a música teñen sinais diferenciadores”. Tamén formulou o desexo de que a participación de Cedeira perdure no tempo e que “nuns anos o festival sexa unha referencia á que se sumen moitos máis Concellos”.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, lembrou que “a edición do ano pasado foi un éxito” e que a vontade do Concello é continuar facendo parte do festival. Ferreiro animou á xente a que “asistan aos concertos en calquera das vilas, xa que non coinciden e que gocen desta semana de agosto”.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura de Neda, Verónica Vigo, falou da ruta Ornithology polo río Belelle, que “vai estar limitada a 25 ou 30 persoas durante o percurso, pero que no final abrirá o aforo para que moita máis xente poida gozar do canto dos paxaros, da narración de Quico Cadaval e da música de Pablo Castaño”.
A programación do festival deséñase para cada localización concreta, polo que a integración no territorio é total. A participación da veciñanza e a recuperación da memoria son tamén parte da filosofía do Jazz de Ría. Todas as actividades son abertas, gratuítas e accesíbeis.
O Jazz de Ría recibiu en 2021 o Premio Organistrum Extraordinario nos Premios Martín Códax da Música, polas súas boas prácticas de sostibilidade e igualdade, en materia laboral, e na integración no entorno, entre outras cousas.