nota:
A 3ª edición demostra o gran potencial musical de Galicia. MAV afianza a súa condición de casa común d@s músic@s galeg@s
A pesar do cambio de calendario, o certame acadou un novo éxito de participación con case 450 inscritos, superando a anterior edición -na que se alcanzaran 360- e confirmando que estes premios continúan a encher un baleiro que era necesario cubrir. Destacan o despegue da canción de autor con 46 inscritos e a boa acollida da música vocal, as categorías engadidas na 2ª e 3ª edición respectivamente, e que contribúen a darlle maior visibilidade cada ano á gran cantidade, calidade e diversidade dos proxectos musicais galegos.
A convocatoria entra agora na primeira rolda de votacións, na que os socios de MÚSICOS AO VIVO escollerán aos tres proxectos finalistas en cada categoría. O resultado farase público o vindeiro 7 e abril na Festa de Nomeados que se celebrará, como cada ano, nas Bodegas Martín Códax en Cambados.
Despois dunha primeira edición na que se saldou unha débeda histórica coa música galega, e dunha segunda na que se se consolidou o certame e se incorporaron os Premios Organistrum para recoñecer o labor da industria; esta terceira edición dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA, con 448 proxectos inscritos e todas as categorías cubertas, demostra o indiscutible potencial musical de Galicia e afianza a MAV como a casa común d@s músic@s galeg@s.
O certame recibiu o apoio do groso do sector musical galego, non só a través de músicas de todos os estilos, que van desde Xabier Díaz ou a Orquestra de Cámara Galega ata Triángulo de Amor Bizarro ou Sisters in the House; senón que as salas, festivais e espazos de comunicación musicais, cómplices imprescindibles das músicas e músicos galegos, ven tamén recompensado o seu imprescindible traballo a través dos Premios Organistrum. Esta realidade vén a demostrar que esta é a gran festa da música galega e a oportunidade para visibilizar e recoñecer o traballo de toda a comunidade musical.
O voceiro de Músicos ao Vivo, Ramón Bermejo, agradece “a implicación das músicas e músicos galegos unha vez máis neste proxecto ilusionante que volve converter á web www.premiosmartincodaxdamusica.com na plataforma de música galega máis importante do momento”. Bermejo asegura que o balance non podía ser máis positivo: 396 grupos, 16 salas, 22 festivais e 14 medios de comunicación inscritos, e engade que “este terceiro certame pasará á memoria como a edición da normalización: o que parecía un fito histórico que viña facer xustiza e recoñecer o traballo de moitas carreiras musicais, pasou a formar parte da nosa realidade cotiá”. O voceiro de MAV conclúe a súa valoración asegurando que “o espírito de comunidade, de sector estratéxico, de familia, de industria, de riqueza, de colectivo, emana outra vez máis nestes premios” e resaltou o feito de que en todas as categorías haxa “proxectos consagrados, xunto con propostas radicalmente novas e frescas, algo que fai deste certame a convocatoria perfecta para dar a entender o que temos entre mans cando falamos de Música en Galicia”.
A categoría de rock volve ser a máis numerosa con 60 inscritos. Ademais, destaca o despegue da Canción de Autor con 46 participantes e a boa acollida da Música Vocal con 22 proxectos en competición. Estas dúas categorías foron as incorporacións da 2ª e 3ª edición respectivamente, e veñen a respaldar a decisión de MAV de convocar un amplo número de categorías para darlle visibilidade a proxectos que doutro xeito seguirían sen coñecerse ou quedarían diluídos entre as músicas máis populares. Canto ao resto de categorías, hai 34 inscritos en Pop; 23 en Blues; 24 en Jazz; 11 en Hip Hop; 24 en Clásica; 30 en Folque; 25 en Músicas do Mundo; 22 en Infantil; 16 en Electrónica; 19 en Metal; 13 en Reggae; 10 en Orquestras e Músicas de Verbena; e 14 en Tradicional.
Desde a organización recoñecen que os inscritos son só a punta do iceberg, e que en Galicia faltan moitos proxectos musicais por saír á luz. Admiten tamén que categorías como Tradicional e Música de Verbena non reflicten a riqueza e a inxente cantidade de proxectos deste tipo que existen en Galicia; e animan a todos os que formen parte deste tipo de proxectos a participar en vindeiras edicións.
Os III Premios Martín Códax da Música darán visibilidade a 3 proxectos por cada unha das 16 categorías que se convocan. En total, botarán luz sobre 48 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo. Ademais concederanse 3 Premios Organistrum á mellor sala, festival e espazo de comunicación musical; e o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo á traxectoria dun/unha músic@ galeg@, que se fará público o 15 de marzo.
O proceso de votación
A través dun proceso de votación online e privado a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com, as socias e socios de Músicos Ao Vivo elixirán primeiro entre o 1 e o 27 de marzo e o aos 3 finalistas de cada unha das categorías existentes, que se farán públicos o 7 de abril durante a Festa de Nomeados que se celebrará, como cada ano, nas Bodegas Martín Códax, en Cambados. Nunha nova quenda de votacións, entre e o 8 e o 20 de abril, os socios e socias de Músicos ao Vivo decidirán @s premiad@s de entre os tres finalistas de cada categoría. Os gañadores coñeceranse o 28 de abril no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano mais no Pazo da Cultura de Pontevedra. Para facerse soci@ de Músicos ao Vivo e poder participar nos dous procesos de votación so é preciso ser músico e asociarse en www.musicosaovivo.com.
ENLACE VÍDEO PROMOCIONAL 3ªEDICIÓN