nota:
Voltan as “Noites de Luz”. Nesta edición, os organizadores deste evento tráennos aos croatas Bam Wise e os galegos Xenderal e MaisLume Kolektiv. Tres artistas cun directo impresionante que non escatiman en calidade musical. Será unha noite chea de boa música na Coruña, en concreto no Garufa Club, o venres 21 de abril.
Este ciclo de concertos -que xa vai pola súa 9ª edición- ten como promotores á banda galega Chotokoeu, que organizan as Noites de Luz para traer á súa cidade a algúns dos mellores músicos que coñeceron na súa traxectoria musical: “…en concreto, a BamWise coñecímolos no Fusion Festival alemán e quedamos abraiados coa súa calidade de son, impresionantes, para nós é un soño poder xuntalos con dous referentes galegos do mundo reggae nesta edición de Noites de Luz”, afirman dende a banda coruñesa.
Chegados dende Croacia e dentro da súa xira europea, BamWise sorprenderá a tódolos asistentes, tanto amantes do reggae/dub, como a todo aquel que aprecie a música ben feita e coidada cunha calidade de son elevadísima. Ademáis, crean unha atmósfera idónea coa incorporación dun VJ (Video Dj) creando un espectáculo que aparte de entrar polos oídos, entra tamén polos ollos. Xunto a eles estarán Xenderal, de sobra coñecido polo panorama do ragga en Galicia, e MaisLume Kolektive, pechando a noite cunha sesión dub/reggae.
Noites de Luz preséntase coma un espectáculo cultural de calidade máis aló das tendencias comerciais, con prezos asequibles para que todo o mundo se anime: 6 euros anticipada e 10 euros na billeteira.