57 finalistas optarán aos IV Premios Martín Códax da Música

Abril 06, 2017

NdP:

As nominacións fixéronse públicas na Festa de Nomeados que se celebrou, como cada ano, nas Bodegas Martín Códax, en Cambados.
Agora será un xurado, integrado por músicos e profesionais do sector, quen escollerá os proxectos premiados que se entregarán na gala que se celebrará o próximo 3 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Entre os nomeados que optan a acadar algún premio, figuran artistas que están comezando o seu proxecto xunto a consagrados a nivel estatal e internacional como Xoel López, Malandrómeda, Os Amigos dos Músicos, Davide Salvado, ou Uxía.

No medio dunha festa amenizada coa chispa e a música d’A PANADARÍA TEATRO, a Asociación de Músicos ao Vivo fixo pública a lista dos finalistas da 4ª edición dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. O acto celebrouse, como cada ano, nas instalacións das Bodegas Martín Códax, en Cambados coa presenza da presidenta de MÚSICOS AO VIVO, Iria Pinheiro; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal; e o director das Bodegas Martín Códax, José Martínez Chantada.

Entre os finalistas, nomes con moita traxectoria como Xoel López, Davide Salvado ou Uxía, pero sobre todo moitísimos proxectos novos que entran a formar parte da gran familia de escollidos que cada ano opta aos galardóns da nosa música. Os proxectos finalistas foron escollidos polas socias e socios de MÚSICOS AO VIVO mediante votación online entre un total de 449 proxectos inscritos (1 máis que na anterior edición): 386 grupos, 17 salas, 24 festivais e 21espazos de comunicación musical. Desta volta, as bases non permitían presentarse aos premiados na pasada edición. Agora será un xurado, integrado por músicos e profesionais do sector, o que decidirá os proxectos premiados en cada unha das categorías. Este xurado, que tamén fará as súas escollas a través do sistema de votación online da web www.premiosmartincodaxdamusica.com, será secreto e os nomes dos seus integrantes non se farán públicos ata finalizar o proceso. Os gañadores coñeceranse o 3 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano mais no Pazo da Cultura de Pontevedra. Este é o listado dos 57 proxectos nomeados que optarán a recibir algún galardón na gala dos IV Premios MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA:

POP/iNDIE

Os Amigos dos Músicos / Berlai / Xoel López

ROCK

Brais Morán / The Soul Jacket / Agoraphobia

JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS

Iago Fernández / Alberto Vilas ‘Ubuntu’ / Miguel Lamas Quartet

HIP HOP/MÚSICAS URBANAS

Maladrómeda / García Mc / Wöyza

CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA

Alberto Vilas ‘Universo Lem’/ Roberto Oliveira / Alejo Amoedo

FOLQUE

Cuarteto Caramuxo / Vaamonde, Lamas e Romero / Os d’Abaixo

MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

Tanxugueiras / Xosé Lois Romero e Aliboria / Davide Salvado

MÚSICAS DO MUNDO

Uxía / Tangata / Talabarte

MÚSICA INFANTIL

María Fumaça – Aire! / A Gramola Gominola / Pesdelán

MÚSICA ELECTRÓNICA

Malvares de Moscoso e J.CNNR / 2Pas0s / Pálida

METAL

Aphonnic / Tälesien / Raiba

REGGAE/SKA/MESTIZAXE

Dakidarria / O Sonoro Maxín / Bush Doctors

ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA

Los Satélites / Poceiro Big Band / Áureas en Voga

BLUES/FUNK/SOUL

Carmen Rey / VooDoo / The Lakazans

CANCIÓN DE AUTOR

Sonia Lebedynski / Tatán Chapeu / Xoán Curiel – Ecuacións

COROS E GRUPOS VOCAIS

Encaixe / Sisters in the House / Ejazz

PREMIOS ORGANISTRUM

FESTIVAIS

Nigranjazz / Festival de Pardiñas / Surfing the Lérez

SALAS

A Pousada das Ánimas / Sala Mardi Gras / Garufa Club

ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL

ZigZag-TVG / Gzmúsica / Onda Vital-Radio Galega

Ao remate do acto, o presidente das Bodegas Martín Códax, José Martínez Chantada, destacou que “é unha honra poder dar o noso nome a estes premios que se consolidan nesta 3ª edición e que se converten na gran festa da música galega e na oportunidade para visibilizar e recoñecer o traballo de toda a comunidade musical”. Chantada valorou a implicación das bodegas nestes premios como “unha aposta na que debemos estar unidas as empresas privadas e as administración públicas, comprometidas na difusión e fomento da nosa cultura”.

A presidenta de Músicos ao Vivo, Iria Pinheiro, agradeceu “a aposta e sensibilidade que demostraron todos os patrocinadores e colaboradores do certame, en especial os nosos anfitrións e alidados imprescindibles, as Bodegas Martín Códax” e destacou “a implicación das músicas e músicos galegos unha vez máis nesta edición na que logramos reunir a 449 proxectos o que volve converter a web dos premios www.premiosmartincodaxdamusica.com na plataforma de música galega máis importante neste momento; e demostra o indiscutible potencial musical de Galicia, afianzando a MAV como a casa común das músicas e músicos galegos”. A voceira de MAV concluiu asegurando que “o espírito de comunidade, de sector estratéxico, de familia, de industria, de riqueza, de colectivo, emana outra vez máis nestes premios” e resaltou o feito de que en todas as categorías haxa proxectos consagrados, xunto con propostas radicalmente novas e frescas, algo que fai deste certame a convocatoria perfecta para dar a entender o que temos entre mans cando falamos de Música en Galicia”.

A esta Festa de Nomeados asistiu tamén o director da Agadic, Jacobo Sutil, que felicitou a todos os nomeados e reiterou o seu apoio a esta iniciativa da Asociación de Músicos ao Vivo. A Deputación de Pontevedra, a través do seu Delegado de Cultura, Xosé Leal, renovou tamén a súa aposta por este certame que reforza a imaxe de país.

Durante o acto presentáronse tamén as primeiras estatuíñas rematadas no obradoiro do escultor e músico, Víctor Lorenzo, que se entregarán aos premiados na gala que se celebrará o mércores 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra, e onde ademais dos 19 gañadores que sairán desta lista de finalistas, entregarase tamén o Premio Honorífico Músicos Ao Vivo á musicóloga Dorothé Schubarth, “polas súas novidosas achegas metodolóxicas, a súa xenerosidade, a súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres, así como o insuficiente coñecemento do alcance do seu legado por parte da sociedade galega”.

Lembramos que a Festa será retransmitida en directo por STREAMING GALICIA a través da nosa páxina de Facebook.

AXENDA

Facebook

10 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook