2uS

Decembro 05, 2015

Debo recoñecer a miña debilidade ou boa predisposición cara a proxectos coma este, feitos con calma, agarimo e sen prexuízos para que sexan degustados do mesmo xeito. 2uS é a unión da guitarra eléctrica de Pablo Carrera (de Doutor Harapos) e o clarinete de Fernando Abreu (Cuarteto Caramuxo, OMEGA, Banda Crebinsky …) que se presentou hai uns anos co álbum “Só son sons”. Mais 2uS non son sempre 2, pois ás veces son 3, como vimos no Festival SinSal de San Simón no 2011, ou 4, co percusionista Marcos Vázquez e Pablo Pérez agora no contrabaixo.

Desde o sur de Pontevedra e de proxectos ben diferentes, estes músicos arrédanse de teorías para unirse instrumentalmente e ir deixando pingas máis ou menos abondosas de jazz, funk, pop, música contemporánea, world music con arumes africanos, caribeños ou orientais … segundo pidan o ánimo ou o momento. Así, “Bossanossa”, “Swingprovisando” ou “Voar” resultan títulos ben significativos. Con elegancia, sen brusquedade nin elitismo, pasan do acústico ao eléctrico, da tranquilidade e a calma de “Madurando” ao suave baile de “Abanea”, por citar dúas das máis xeitosas composicións. Asemade, son quen de ofrecer momentos de desacougo ou experimentación con melodías menos claras ou asequibles, como en “Mar de soños”. Porén, todo está sempre ao servizo das sensacións.

“Dous” contén 11 pezas instrumentais xenerosas en melodías relaxantes e detalles que animan a volver escoitalas. Aínda que soe a tópico, trátase dun disco ideal para deixarse levar, pois ao longo dos seus 50 minutos xa te viches no norte de África, centroamérica, Brasil ou Europa, un club de jazz dos anos 20-30 e o manouche .. e mesmo puideches quedar totalmente atrapado por un arrolo tan suave como o de “Mateo”, como foi o meu caso. Un deses álbumes cheos de encanto que descubrirán as orellas abertas e apreciarán os ouvidos sensibles. E para os ollos, un bonito deseño e ilustracións no digipack por Olalla Fernández.

Pepe Cunha, 4-setembro-2012
http://soundcloud.com/fernando-abreu-fern-ndez

Facebook

4 hours ago

Ábrete de orellas
aquí temos o videoclip do terceiro adianto de "Roibén", novo disco de Guadi GalegoDirixido por Inés Salvado GontadVersos de Xohana Torres ... See MoreSee Less
Ver en Facebook