26 bandas e solistas de 15 países participarán desde mañá nunha nova edición do Festival Sinsal SON Estrella Galicia

Xullo 24, 2024

nota:

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia, un dos eventos máis singulares e coidados do panorama musical estatal, e cuxo cartel é secreto, celebrarase esta fin de semana. Un total de 26 bandas e solistas de múltiples estilos musicais e procedentes de Brasil, Colombia, Dinamarca, Escocia, España, Estados Unidos, Inglaterra, Irán, Kenia, Nigeria, Palestina, Portugal, Suíza, Uganda e Xapón actuarán, a partir do venres 26, no arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón. Os abonos e as entradas para asistir á cita, promovida por Sinsalaudio, esgotáronse ás 72 horas de saír á venda, ainda que o público só descubre o cartel ao desembarcar nun escenario excepcional: a illa de San Simón, declarada Ben de Interese Cultural.

Catro escenarios fixos (Buxos Fest Galicia, SON Estrella Galicia, Santo Antón rock’n’roll e o novo Malmequeres) situados no arquipélago, ademais dun quinto temporal (no que terán lugar os microconcertos de música clásica), acollerán as actuacións de máis dunha vintena de formacións que amosarán, a un público reducido -800 personas por día-, unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante que se está a desenvolver no panorama musical de todo o mundo. Sons oníricos, ondas tropicalistas, rock alternativo, ritmos urbanos, power pop, rock minimalista, punk, R&B, afrobeat, psicodelia e numerosas músicas de raíz, entre outros estilos, soarán a partir do venres 26 na enseada de San Simón, nun evento no que a illa é cabeza de cartel.

APERTURA DE SINSAL CO ESCENARIO OCÉANO

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024 comezará mañá, venres 25 de xullo, cunha xornada especial que terá lugar no Porto de Vigo, concretamente no peirao Transversal, un espazo excepcional da paisaxe intra-extramuros da cidade. O Escenario Océano, que así se denomina a iniciativa que nace a través da alianza entre Sinsal e Kaleido Logistics, contará desde as 20.30 horas cunha programación cultural na que se porá en valor o patrimonio industrial e a riqueza xeolóxica que se agocha nos terreos portuarios (con granitos procedentes de diferentes partes do mundo) da man do divulgador científico Eduardo González Clavijo e, ademais, ofrecerá a posibilidade de visitar unha instalación artística temporal a ceo aberto: un auditorio efímero.

Logo da visita guiada e dunha conversa con Xoán Martínez (director de xeral de Kaleido) e Iria Sobrino (arquitecta e urbanista implicada en proxectos na defensa do patrimonio industrial), o Escenario Océano -no que haberá visuais xerados polo artista multidisciplinar Juanma Lodo- dará paso a un peche musical exclusivo coa música de Ombligo, un proxecto que conta cun relevante imaxinario musical expansivo e que percorre diferentes territorios sonoros. As últimas entradas dispoñible para esta singular actividade, que conta con desconto dun 15% para as persoas usuarias do Carné Xove da Xunta de Galicia, pódense adquirir a través da páxina web de Sinsal.

ACTIVIDADES PARALELAS

A partir do venres 26, a actividade cultural do Sinsal SON Estrella Galicia 2024 desenvolverase integramente en San Simón. Alén das actuacións, que cada día serán diferentes, o festival ofrecerá ás e aos asistentes unha ampla e completa programación paralela divulgativa, dirixida a públicos de todas as idades, e que, dividida en tres liñas, porá en valor a recuperación do rexistro sonoro (A Escola Sinsal), a memoria e o patrimonio natural e histórico do arquipélago (Descubre San Simón) e a necesidade de transformar o modelo de consumo e xestión de residuos actual (#sinsalsenrastro).

Deste xeito, A Escola Sinsal, o proxecto do festival centrado na divulgación e recuperación da memoria sonora do século XX, propón unha exposición didáctica que percorre a traxectoria de música gravada en Galicia e na que participan 8 artistas do mundo do cómic (Emma Roulette, Begoña García-Alén González, Marta Cartu, Santi Zubizarreta, Pepa Prieto Puy, Andrés Magán, Rapapawn (Cynthia Alfonso e Óscar Raña) e Mar Mascaró); as sesións Malmequeres: rastrexando arquivos, que con casetes e cintas magnetofónicas recuperan arquivos sonoros domésticos e poñen en valor coleccións cun importante valor simbólico; e unha nova edición das Sesións San Simón, nas que, coa colaboración do experto Aleks Kolkowski, as bandas e solistas realizan gravacións breves nun cilindro de cera. O público pode asistir, ao vivo, ás mesmas.

A segunda das liñas de actividades paralelas é Descubre San Simón, con propostas dirixidas a visibilizar a memoria e o patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago que conforman as illas de San Simón e Santo Antón. Boa parte deste eixo xirará arredor das figuras do compositor redondelán Reveriano Soutullo e do seu cuñado, o escritor e xornalista Diego San José de la Torre. Se ben o primeiro foi recoñecido polas súas achegas musicais -como a zarzuela La leyenda del beso, que celebra o centenario da súa estrea-, o segundo estivo preso no arquipélago. Eles serán os protagonistas da nova parada do Roteiro Descubre San Simón, un itinerario independente ideado polo festival para que as e os asistentes coñezan a memoria da illa, ao seu ritmo, mediante distintos paneis que se atopan espallados pola mesma. Ademais, a Orquesta Clásica de Vigo, que neste 2024 celebra o seu 40º aniversario, ofrecerá dous microconcertos de música clásica con arranxos da zarzuela de Soutullo e Vert especialmente adaptados para a ocasión, e que interpretarán un quinteto de metais (sábado 27) e un cuarteto de corda (domingo 28). Por último, Descubre San Simón ofrecerá a posibilidade de gozar doutras dúas andainas guiadas durante a fin de semana: unha nomeada Illario pantasma (sábado 27), da man do investigador Xosé Lois G. Faílde, e outra acompañada por Amarturmar, a asociación de turismo mariñeiro (domingo 28).

Finalmente, a liña vinculada á iniciativa de concienciación #sinsalsenrastro, ademais da promoción dun modelo de consumo e de xestión de residuos consciente (cuxa actividade informativa estará centralizada no Punto R), proporá dúas actividades baseadas na reutilización. Por unha banda, o venres 26 ás 18.00h, e coa colaboración de Aceites Abril, a chef Begoña Vázquez impartirá un showcooking no que mostrará como dar novos usos a alimentos e produtos, aproveitando todas as súas partes, á fin de minimizar o impacto ambiental. Pola outra, a Capela de San Simón acollerá nas tardes do sábado 27 e domingo 28 o obradoiro para público familiar Binomios fantásticos, unha proposta na que as e os participantes explorarán as diferentes posibilidades creativas, lúdicas e estéticas que ofrecen os materiais que reutilizarán durante a sesión, entre os que se inclúen obxectivos domésticos, retallos téxtiles ou mostrarios de madeira.

Todas estas propostas que forman parte da programación alternativa aos concertos e os horarios pódense consultar en https://festival.sins.al/gl/festival/sinsal-son-estrella-galicia-2024/actividades. Ademais, durante o desenvolvemento do festival na fin de semana, a Deputación da Pontevedra -que integra Sinsal, con outros catro eventos, na súa marca Rías Baixas Fest-, contará cun stand informativo para dar conta das políticas de igualdade do ente provincial.

AXENDA SINSAL | XOVES 25 DE XULLO – ESCENARIO OCÉANO

Lugar: Terminal de Kaleido Logistics (peirao Transversal do porto de Vigo. Acceso a través de El Tinglado).
Acto: Celebración do Escenario Océano. Apertura do Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024.
Horario: 
    20.30 horas – Inicio da actividade e acceso do primeiro grupo de asistentes ás instalacións. Visita guiada, conversas, etc.
    21.45 horas – Peche musical con Ombligo

AXENDA