17º Ribeira Sacra Festival – Paisaxe. 19-20-21 xullo-2019

Agosto 01, 2019

Abadía da Cova, Mirador de Santiorxo, Vía Romana, Parador de Monforte, Regina Viarum, Algueira, Cunca do Sil, casco vello de Chantada … son nomes de lugares que se funden cos das artistas participantes no 17ª Ribeira Sacra Festival, na súa modalidade de “Paisaxe” (na fin de semana seguinte sería a edición “Patrimonio). Porque nestes tempos de oferta festivaleira abafante cómpre diferenciarse ao situar os escenarios ou ao elixir as propostas musicais. Neste caso a organización aposta ao tempo por estas dúas ideas. Kevin Johansen, Jonathan Wilson, Enric Montefusco, 39th and the Nortons ou Champs non son precisamente habituais nos carteis galegos e aínda que si o sexan outros nomes como Los Enemigos, McEnroe, Jacobo Serra, Soledad Vélez, Delafé … suman moito as paraxes e a proximidade ao palco (cando non é xa inexistente, como no catamarán que sae de Doade). Tanto como para axudar a nosa receptividade cara a propostas que non nos atraian especialmente.

Como a estas alturas xa saberás ou terás lido en medios máis xeneralistas sobre a fermosura das localizacións, entenderás que nos refiramos máis á parte máis musical do festival, onde brillou Kevin Johansen, un artista que debutaba por fin na Galiza e que nos regalou coa súa banda The Nada un concerto deses de gardar co mesmo sorriso que mantivemos durante a máis dunha hora que durou. Simpatía nas letras e presentacións, calidade interpretativa, o gancho dos ritmos populares latinos e unhas presenza escénica e interacción co público dignas de ser postas como exemplo. Por que? Porque moitas bandas semellan esquecer ás veces que nos festivais non todo público as coñece ou segue. Así que un chisco de adaptación ás circunstancias non está de máis.

Seguindo coa parte do festival cun formato máis habitual de varias bandas nun palco principal (o do Parador de Monforte o sábado no serán-noite), aí tamén nos chamaba Jonathan Wilson, recoñecido máis coma produtor de bandas estadounidenses máis populares no mundiño menos mainstream. Malia amosar a súa calidade, o formato reducido a dúo co que se presentou non enganchou e fíxose longo. Os debuxos de guitarra apoiados en programacións e algo de piano tiveron os seus momentos de brillo, pero non encheron as expectativas altas que algúns tiñamos. A organización non quixo deixar pasar a oportunidade de apostar por traer un artista nesta onda e hai dous anos con MWard saíra de luxo, así que, por nos, benvida sempre esa dose de risco.

Onde non a había, e máis en Monforte, era cuns clásicos do rock como Los Enemigos, que repetiron o repertorio que lles vimos en Ferrol hai uns meses. Interpretaron clásicos abondos nun concerto que quedou máis en previsible que convincente, para fans con ganas de corear unhas letras que Josele esquece de cando en vez. Sen dúbida, a día de hoxe neste medio gozamos moito máis da súa etapa en solitario. Eles pecharon a oferta canda o parador e a encargada de abrila fora Marem Ladson, que segue a pasear o seu bo disco de debut sen estourar especialmente nos concertos.

Quen si o fan, e falamos xa dos escenarios entre os que nos tiñamos que desprazar, son os asturianos Alberto & García. O sábado ao mediodía amosaron con colorismo e contacto co público que unha banda máis desprexuizada estilisticamente para cos ritmos populares latinos ou pop sempre acaba por romper o corsé. Ese que asociamos a algúns festivais que captan moito público que vai de alternativo e rexeita “o comercial”. E cando digo “vai de” fágoo conscientemente porque esta expresión ten que ver coa pose, co lucir, e abonda unha actitude que demasiada xente está a practicar nas citas festivaleiras ou nos concertos en sitios “guais”. A música semella perder o seu protagonismo e a atención e, o que é peor, o respecto polos artistas e por quen queremos escoitar. Ninguén está pedindo que non se tiren fotos, se comenten cousas, se “agarre un puntillo” co alcol … pero entre iso é falar a berros nas primeirísimas filas hai moitos niveis de educación. Pagouno un chisco Enric Montefusco na noite do venres pero hai que salientar como a base de cancións e actitude el e os seus músicos deron unha lección de profesionalidade e entrega. Até o punto de marcarse un par de temas a pelo mergullados entre un público que por momentos chegou a calar un pouco.

Tras falar destas dúas citas no patio da Adega Regina Viarum, pasamos á parte traseira das bodegas Algueira. Aquí non vemos os canóns do Sil pero neste patio agochado e idílico, protexidos do sol entre as súas árbores, na tardiña de sábado escoitamos a Cora Velasco e os británicos Champs. Sonoridades dos 80 británicos con voces e guitarras limpas sumadas a sintetizadores e despois de que a pontevedresa xa acompañara o seu pop de autora con dúas versións entregadas daquela década: “Arponera” de Esclarecidos e “Relojes en la oscuridad”. Vivan os 80 máis elegantes e creativos!

Como non nos apuntamos ao catamarán, a Jacobo Sierra vímolo ao chegarmos na tarde do venres ao fermoso Mirador de Santiorxo. No mediodía do sábado, co pequeno estrés ou atención para non perder o bus da organización que nos transportaba pola orografía singular da zona, volvimos ao miradoiro a ver se nos enganchaba McEnroe. Tanto Sierra como McEnroe amosáronse encantados con tocar nun lugar así pero, obviando o entorno, a proximidade e o bo son, dubido que a súa proposta convencera alén dos seus fans. Como dicía, o contexto axuda moito e o musical como que se compensa cando non gusta moito. De feito, recomendamos a adquisición do bono para gozar das diferentes localizacións, aínda que se pode optar á entrada ao festival máis ao uso en Monforte o sábado ou ás viaxes en catamarán. Opcións todas explicadas na web do festival.

Para finalizar este repaso, queda a sobremesa para quen se recuperaron do sábado noite monfortino ou andaban pola feira de Chantada. Festivaleiros ou non, pois a entrada era gratuita, pasaron do sol bailando con Delafé na Praza de España. Deseguido, unha complicada viaxe á Vía Romana premiaba con viños, viandas e escoitar a Blanco Palomera e a sesión DJ efectista do propio Delafé a base de clásicos xamaicanos ou soul. Polo menos até que a expedición orelluda marchou de regreso coas baterías cargadas de sol, bos caldos, músicas e vellas paraxes ás que sempre presta volver. Se deixamos gustos musicais de cadaquén, da oferta do festival pouco que obxectar, realmente. Iso si, que siga apostando pola variedade e, de ser posíbel, darlle unha volta máis á infraestrutura dos desprazamentos.

Pepe Cunha, 31-xullo-2019

AXENDA

Facebook

9 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook