17 Edición do Festival Treme a Terra. Pontedeume, 17 de decembro 2016.

Decembro 13, 2016

nota:

Dende o Colectivo Terra de Pontedeume impulsamos unha nova edición do Festival Treme a Terra, unha cita que acumula con esta 17 edicións e que voltou no 2015 após varios anos de silenciamento forzoso.

Celebrarémolo o sábado 17 de decembro na pista polideportiva de Pontedeume(fronte ao IES Fraga do Eume) e o alicerce sobre o que pivote será a emigración. Un chamado a non esquecer ás que agora mesmo se están xogando a vida para tentar entrar na Unión Europea e a sinalar ás que habitan nas escuras cavernas do sistema como principais culpábeis desta macabra historia. Abondou unha soa imaxe, a do corpo do pequeno Aylan Kurdi nunha praia turca para abofetearnos sobre o drama que levaba décadas engordando e que revela ata onde pode levarnos o capitalismo e a rapinha imperialista. Refuxiadas vítimas de guerras, de terrorismo, de miseria creada pola Unión Europea e os Estados Unidos. A crise migratoria prosegue namentres a Europa do capital aplica medidas cada vez máis restrictivas nas fronteiras. Dende Galiza, fábrica de emigrantes pasados e presentes, non podemos permanecer máis tempo alleas a esta catástrofe humanitaria.

Os nosos altofalantes aturuxarán en favor das refuxiadas e contra o capital. Unha noite na que a palabra será a arma de combate. En definitiva, un espazo de reivindicación dos dereitos fundamentais de todas as que padecen o noso silencio. Sirva este festival de homenaxe ás que perderon a vida buscando unha vida mellor.

-DO 9 DE DECEMBRO AO 26 DE DECEMBRO. EXPOSICIÓN OS BICOS D@S REFUXIAD@S:

O fotógrafo social Gabriel Tizón pretende con esta exposición fotográfica, que quedará pendurada nas farolas do peirao de Pontedeume, achegarse á traxedia do Mediterráneo dende outra perspectiva. Mais info na súa web http://gabrieltizon.com/

SÁBADO 17 DE DECEMRBO. 17 FESTIVAL TREME A TERRA.

Dende as 21:30h no lugar de sempre, a pista polideportiva (fronte ao IES Fraga do Eume). Contaremos con tres grupos de referencia dentro do panorama da música contemporánea composta en galego. Caxade, Familia Caamagno e Dakidarría.

CAXADE é o proxecto persoal de Alonso Caxade. Foi considerado millor arista nos XIII Premios Opinión, Premio Martín Códax de Música e ganhador do Certame Música Xove ademais de representar a Galiza no SUNS Europe de 2015. Folk-Pop, arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da velha Europa. Música elegante, modesta e sinxela, cun discurso reivindicativo, metafórico e irónico.

FAMILIA CAAMAGNO. As boas críticas dos medios especializados fixeron que conseguiran un oco na axenda musical galega. Resultaron ganhadores do primeiro premio do Concurso de bandas da Deputación da Coruña e representaron a Galiza no SUNS EUROPE de 2016. Algún dos seus temas son “Surfistas Nazis” ou “Mala Herba”, ou o que é o mesmo, Rock´n´roll salvaxe e divertido que fará que movas as cadeiras ata a luxación total.

DAKIDARRÍA. Decibelios e adrenalina para un fin de festa espectacular. Enchen o escenario a ritmo de ska, reggae e punk-rock, apostando polo galego, algo que lonxe de pecharlles portas abriulles vieiros polos que xa decorren acompanhados por un gran número de fans que os seguen alá onde van.

Facebook

2 days ago

Ábrete de orellas
Hoxe é o Día Internacional das persoas con discapacidade e por iso recuperamos esta canción, na que Seso Durán adaptou un conto sobre o seu fillo Manuel escrito por María José Ferrada. "O traballo pon o acento na diversidade funcional, en que sempre hai máis do que se ve a simple vista e un pequeno misterio en cada cousa."Inquedanzas Sonoras ... See MoreSee Less
Ver en Facebook