15 horas ininterrumpidas de música no sábado do Revenidas

Setembro 10, 2022

nota:

Quince horas ininterrumpidas de música programa na xornada do sábado o festival Revenidas. A música empezará a soar as 12 do mediodía, da man da banda portuguesa Plectro, e rematará pasadas as 3 da madrugada, cando chegue ao seu fin a sesión de La Duendeneta.

O cartel do sábado ven a reafirmar aínda máis o compromiso do Revenidas coa música galega. Oito dos doce artistas que mañá subirán aos dous escenarios do festival son galegos, coa presenza dalgúns dos nomes máis destacados da nosa música como é o caso de Tanxugueiras, Baiuca, Dakidarría ou A Banda da Loba. Aos que hai que sumar os tres artistas que ofrecerán os «concertos a bordo»: Antía Muíño, Xabier Díaz e Grande Amore.

Ademais dos artistas galegos, a xornada do sábado do Revenidas contará coa presenza internacional dos bosnios Dubioza Kolektiv e dos estatais Zoo e Ladilla Rusa.

Dubioza Kolektiv propón, nos seus frenéticos directos, unha festiva e delirante fusión de hip- hop, reggae, dub, rock e folclore de Bosnia. Todo elo tinguido de negro e amarelo e cunha considerable dose de contido político, sen perder nunca de vista a diversión. Porque como eles din: «Dubioza demostra que a xente pode bailar e pensar ao mesmo tempo».

En canto ao sexteto de Gandía (País Valenciá), Zoo, levan xa moitos anos defendendo un dos mellores directos que se poden escoitar en España. Cunha febril e excitante combinación de rap e música electrónica, pero tamén con achegas dos ritmos latinos e mesmo mediterráneos. E sempre cunha letras cargadas dun forte contido social e político.

Ladilla Rusa naceron no 2017 case como unha broma entre dous amigos de toda a vida: os xornalistas Tania Lozano e Víctor F. Clares. Cunha proposta de electro pop desenfadado e vacilón. Festivos himnos como Macaulay Culkin ou Kitt y los coches do pasado converteron a Ladilla Rusa nunha das propostas máis tolas e divertidas que se poden atopar enriba dun escenario.

CONCERTOS A BORDO
Unha das actividades máis singulares e atractivas e das máis queridas polo público que a eles acuden son os concertos a bordo. Nesta edición serán seis os que se celebren. Como sempre a bordo do xeiteiro Chasula e cun aforo máximos de 12 persoas.
O sábado terán lugar os tres primeiros, por el conta de Antía Muíño (saída dende o peirao ás 13 h), Xabier Díaz (15 h) e Grande Amore (17 h).

HORARIOS:

Escenario Xacobeo 21-22
13.00: Dakidarría
17.30: Tanxugueiras
20.15: Zoo
22.40: Dubioza Kolektiv
01.00: Baiuca

Escenario Mahou
12.00: Os Plectro
14.30: Monoulious Dop
15.40: La Duendeneta
16.05: A Banda da Loba
18.50: Ladilla Rusa
21.45: Doen
00.00: The Rapants
02.30: La Duendeneta

AXENDA

Facebook

3 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook