091 na Sala Capitol. Cando o legado e o presente casan.

Maio 23, 2026

Mentres as modas veñen e van, os clásicos sempre teñen o seu oco e unha presenza máis ou menos popular. A banda granaína 091 construíu nos anos oitenta e primeiros noventa unha reputación a base de cancións solventes para cos cánones rock, pop e blues das décadas anteriores. E ademais, cuns textos característicos e moi por riba da media. En 1996 decidiron deixalo e co tempo o seu legado foi recoñecéndose até que en 2016 volveron reunirse e ver que sentían. O regreso non podía ser pura nostalxia senón un exercicio de honestidade acorde coa súa reputación: facendo o seu traballo nos directos e entregando novas e boas cancións, como cando a súa despedida.

Iso foi o que presenciamos na Sala Capitol, no seu regreso a Compostela trinta e un anos despois. A Galiza xa volveran en 2016 coa “Maniobra de resurrección” a un Cultura Quente de Caldas de Reis no que só tiveron hora e cuarto para repasar boa parte dos seus clásicos. Desta vez traían disco novo e tan fachendosos están -e deben estar!!!- de “Espejismo Nº9”, que até sete cancións entraron nas dúas horas de concerto. O que para outras bandas ou artistas pode ser un pequeno drama, para os Cero defender o último disco é mostra de orgullo e coherencia. Nel atopamos moitas cancións maceradas, redondas e ben interpretadas, as verdadeiras protagonistas duns concertos nos que non se vende fume, compracencia ou lucerío.

Isto era un concerto de rock en sala, para fans vellos e non tanto, a cargo da mesma formación que o deixara no 1996 máis o magnífico reforzo nos directos do guitarrista Víctor Sánchez, colaborador habitual de Lapido. Vestidos elegantes de negro, baixo unha iluminación sobria e cun son perfecto tras os pequenos axustes iniciais, Tacho González (batería) e Jacinto Ríos (baixo) estiveron fiábeis e sólidos na base rítmica e o cantante e o guitarrista non perderon a forma grazas ás súas traxectorias á marxe da banda. Claro que os anos pasan, pero José Antonio García segue a cantar como merecen os versos dun José Ignacio Lapido que mantén o idilio coa súa eterna Gibson SG.

Loxicamente a despedida con “Esta noche”, “¿Qué fue del siglo XX?” e “La vida qué mala es” significou un deses esperados momentos de éxtase colectiva, como tamén é de esperar que a cadaquén lle falten algunhas cancións favoritas. Porén, as dúas horas mantiveron un nivel alto e constante, con abondos momentos memorábeis. Uns por como brillaron a contundente “Huellas”, a interpretación acústica de “La canción del espantapájaros”, “Como acaban los sueños”, “Otros como yo” …E outros polo ben que encaixan cancións recentes como a soberbia balada “Ven vestida de nube”, a máis pop “No tiene sentido escapar”, a blueseira “Dormir con un ojo abierto” ou a roqueira “Nadie quiere oír tu llanto”.

Nunca foi fácil para as bandas do sur prodigarse polo Norte e achegarse á popularidade que si teñen na súa Andalucía e o Levante peninsular, pero finalmente a poética que se asocia ás letras de Lapido desta vez se arrimou á xustiza. A nosa Sala Capitol rexistrou unha boa entrada e quen estivemos naquela Número K en 1995 atopámonos desta vez moito máis acompañados para gozarmos de “los cantes de la sinrazón de la vieja escuela” e testemuñar a atemporalidade e o magnífico estado de forma duns clásicos. Mucho cero, mucho Cero, eh!

Pepe Cunha, 22-maio-2026

 

repertorio:

2000 locos

Zapatos de piel de caimán

No tiene sentido escapar

Nadie quiere oír tu llanto

Dormir con un ojo abierto

El baile de la desesperación

Ven vestida de nube

Piezas de desguace

Un hombre con suerte

Algo parecido a un sueño

Sigue estando Dios de nuestro lado

Cómo acaban los sueños

Antes de que salga el sol

Otros como yo

La torre de la vela

La calle del viento

Bises:

La canción del espantapájaros (acústico)

Nubes con forma de pistola

La noche que la luna salió tarde

Este es nuestro tiempo

Huellas

Bises 2:

Esta noche

Qué fue del siglo XX

La vida qué mala es

AXENDA

Facebook