discos
comentados en xuño 2009_2
máis en arquivo

fanny + alexander alfaias

Como fixeran en “Lusco Fusco” (06) e “Finais dos 70's, comezos dos 80's” (07), o dúo compostelán aposta por vestir dun pop contemporáneo os textos de escritores galegos da súa xeración: Mario Regueira, Emma Couceiro, Diego Ameixeiras, Lara Dopazo Ruibal, Xiana Arias, Igor Lugris, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Estibaliz Espinosa, Daniel Salgado e Alberte Momán. A ninguén lle escapa a dificultade de musicar poemas para convertilos en cancións que soen medianamente naturais e talvez nos 2 primeiros álbumes a balanza inclinábase un chisco polo fallido. Porén, á terceira semella ir a vencida e desta vez a aposta de Efi e Noel achéganos case 40 minutos que se escoitan con agrado a pesar das carencias na autoprodución. Porque eles seguen a facer todo con moita máis ilusión ca medios, apoiándose nas posibilidades da electrónica e a dixitalización. Iso si, reivindicando con dignidade os escritores mencionados e os compañeiros da escena musical galega, aquí en tres temas coas voces de Carlos Valcárcel (Projecto Mourente), Martin Wu (The Homens) e Alex Charlón (Ataque Escampe). Entre os mellores momentos, as máis electrónicas “Setecentos”, “Espida de credo” ou “Artefacto Burbur” e a máis acústica “Na febre dos incendios”, pero en liñas xerais as melodías, os arranxos e as programacións lindan co notable. Proben, por exemplo, a non bailar con “Mans abertas e ollos pechados” porque, sen esaxerar, Fanny + Alexander están a levar a lingua na música a dimensións hai anos case impensables, gañando un lugar de seu no emerxente panorama galego. Se non o credes, os seus traballos están á vosa disposición de balde en formato mp3 ou en formato físico no netlabel A Regueifa plataforma. www.aregueifa.net. Pepe Cunha 23-xuño-09

muni camón & remate somersaults

Muni Camón era a líder a mediados dos 90 de Maddening Flames e desde a disolución da banda gaditana non voltara a protagonizar un disco. Non obstante, veu colaborando en diferentes proxectos gravados polo seu marido, o produtor Paco Loco. Precisamente da man deste, e dun compositor en estado de graza como o madrileño Remate, semellou o momento axeitado para un regreso. Aquí xa cheira a talento e agarimo desde unha primeira escoita, aprezamos a complicidade que agromou deste trío artístico. A gravación soa natural, inmediata, a directo en estudio, con ese ar low-fi, sen artificios. Muni, cunha voz morna e profunda, leva o protagonismo do que podería ser o sexto álbum de Remate, compositor e cómplice coa guitarra un chanzo por detrás. Ela narra en terceira persoa as historias escritas por el ou mesmo interpreta o papel dalgunha das persoaxes: “Chalky Blue & Lucy Harpy”, “Miss The Sore” ou “Bill Glood”. Co predominio dunha liña de rock cru, con toques pop e de folk americano, a variedade vai da intimista e máis espida “We Are Hints” á máis roqueira “On The Way to Fiction”. No MySpace podedes escoitar 4 cancións: myspace.com/munisingsremate . Publica No Land Recordings, selo propio e caseiro onde vos podedes facer co álbum: nolandestate.blogspot.com ) Haberá máis discos de Muni en solitario? Selo e xente de confianza fica claro que ten. Pepe Cunha 23-xuño-09

varios artistas Brasil, muito além

“A música vai muito alén das midias e dos medios de comunicación comerciais!”. Con esta idea, e desde Galicia, o selo Falcatruada e DJ Macô achégannos unha representación do panorama musical brasileiro con máis forza na actualidade. Imaxinen un pote ateigado de rap, reggae, jazz, ragga, dub, samba, funk, rock, soul ... e 16 bandas brasileiras cociñando cadansúa canción con aqueles ritmos e estilos que mellor lles acaen. O resultado son temazos como “O processo” de Bnegao & Os Seletores de Freqüência, “Mal estar card” de Curumin, “Nada mais nao” de Sapotone & The Love Rockers, “Pra ser feliz” de De Leve e Totonho, “Ivete” de Academia da Berlinda, “Vida boa” de Eddie, “Tô planejando” de Rockz ... Sen dúbida, un deses discos cos que confeccionármonos unha banda sonora para este verán que comeza. A non ser que vos conformedes ou prefirades a mesma ... de sempre. Máis en Myspace.com/brasilmuitoalem. Á venda, entre outros sitios, na Trastenda.com . Pepe Cunha 23-xuño-09

black baudelaire rumbo

Ben é sabido que o barrio barcelonés do Raval é un fervedoiro de ritmos e culturas de diversas latitudes. De alí vén este combo franco-senegalés que hai catro anos debutou coa súa fusión de hip hop e música africana. A continuación daquel “Cuidado” incide no drum'n'bass, o reggae, os samplers e tamén ten lugar para outras cancións acústicas, máis espidas ou orgánicas. O rap é o seu principal estilo de expresión para uns textos de denuncia social e reivindicación -expresados en diversas linguas europeas e africanas-, como “Le même combat”, “El silenci”, ”Ojo Hijo”, “¿Donde van?”, “No More” .. A través dos textos das cancións e gravacións de paisaxes sonoras, “Rumbo” reflicte unha p rocura da esencia de África, das súas culturas, historias, xentes, tradición oral, infancia e xogos … O disco foi gravado en Dakar en 2007 e nos estudios de Kasba Music en Barcelona por Stephane Carteaux na fin de 2008 e conta coa colaboración de moitos colegas como Jose Kapel (Color Humano), Kris (08001), Yacine e Rubio (Nour), Kachafaz e Leo (Che Sudaka), Rabah Donquishoot (MBS). Myspace.com/blackboudelaire ; Kasbamusic.com Pepe Cunha 23-xuño-09

estereotypo join the electro funky party!

En maio do pasado ano, este trío cántabro autoeditou un álbum debut de dez cancións. Un ano antes, a súa maqueta fora escollida como a mellor do 2007 pola edición cántabra de MondoSonoro. E iso cando só levaban un ano xuntos! Agora cambian a portada do seu debut e directamente reedítano co selo Astro Discos, proba de que a gravación estaba ben acabada. Pois igual de rápida e acelerada que a súa traxectoria é a súa música: g uitarras directas, unha sólida base rítmica, bases pregravadas e programacións para incitar ao baile. Con similitudes desde Delorean e We Are Standard até Interpol e Editors, encaixan na cualificación de indie rock actual mesturado con electrónica e  festeiro. A canción que abre, “Electro Funky Party”, é toda unha carta de presentación, superbailable e urxente para máis de media hora de baile. Isto promete en directo e estarán no Festa dos Botes de Arzúa. Myspace.com/estereotypo ; Astrodiscos.com. Pepe Cunha 23-xuño-09

black baudelaire

vv aa

fanny + alexander
rumbo
muni camón & remate
somersaults
Brasil muito além
estereoypo
join the electro funy party!
alfaias