discos
comentados en xuño 2009
máis en arquivo

guadi galego benzón

A pesar da súa incuestionable participación en proxectos tan salientables como Berrogüetto, Espido ( www.myspace.com/espidogaliza ) ou Nordestin@s, a cedeiresa Guadi Galego necesitaba ofrecernos un disco de seu, unha colección de interpretacións que reflectisen os ceos dun universo máis persoal, resultado da súa formación e un gusto persoal que nunca esquece o valor do elemento tradicional, aquí ben representado coa metade de melodías do disco. Unha vez máis co apoio do seu inseparable Guillermo Fernández (Espido, Berrogüetto, Xabier Díaz), regálanos agora un disco traballado, feito con calma, agarimo e apoiado por unha salientable representación da escena galega destas décadas: Fran Pérez “Narf”, Xabier Díaz, Abe Rábade, Quim Fariña, Xacobe Martínez Antelo, Leilía, Germán Díaz, Odaiko, Xacobe Martínez Antelo ou Pablo Pascual. Sexa m áis preto do pop con Narf en “Norte do alén, do jazz con Abe Rábade ao piano na espectacular “Madam” (letra de Rosa Bugallo) ou do no tradicional coas Leilía en “París-La Habana”, a cálida e acolledora voz transmite con naturalidade distintos ambientes e tonalidades, deixando o termo fusión en mera anécdota. A salientar tamén a súa exhibición en “Canto /Xota do 9 de abril” coa percusión dos Odaiko, a “Muiñeira de Concha de Luneda', recollida, arranxada e interpretada con Pablo Pascual, e o feche cunha “Ruada” onde ela soa se acompaña de piano. Asinando este “Benzón”, Guadi Galego confirma un papel protagonista na música galega das derradeiras décadas. A conceptualidade do disco vén ainda máis sinalada cunhas fotografías -unha por canción- de ceos de Galicia a cargo de Karlos Abal. Recomendable máis aló do folk e o tradicional, pois a música ben feita acaba rendendo o máis prexuizoso. Pepe Cunha 4-xuño-09 www.guadigalego.com

deolinda cançao ao lado

Eis a revelación do panorama musical portugués do pasado ano. Non se trata dunha proposta máis ou menos pop ou rock de influencia saxona (X-Wife, The Gift...). Mais tampouco encaixa exactamente na saca dos ritmos do mundo ou as tradición fadistas e de autor (Sara Tavares, Mariza, Zeca Afonso,...). A de Deolinda é unha proposta renovadora, persoal, diferenciada e chea de encanto no musical, no deseño e nos textos. A súa música é unha renovación do tradicional desde o fado, si (“O fado nao é mau”) mais con outros ritmos populares tamén presentes, como a música brasileira (“Garçonete da casa de fado”, “Nao sei falar de amor”) ou a morna caboverdiana. Ademais, a formación podería ser de pop de cámara, con guitarra, ukelele, cavaquinho, viola e contrabaixo acompañando unha vocalista que vén do jazz, Ana Bacalhau. A súa imaxe muda o recollemento, a introspección e a angustia do fado por cores alegres nas roupas dos artistas e os vivos debuxos de Joao Fazenda no libriño e na web. Nas letras, un humor intelixente (“Fado castigo”), doce (“Fado Toninho”) ou irónico (“Movimento perpétuo associativo” fala desa revolución da que temos ganas e que non comezamos por calquera excusa) que invita á reflexión e non se limita a facer unha caricatura das historias que conta, esas que observa e vive Deolinda, unha moza lisboeta que vive cos seus gatos. Si, escoitaron a Madredeus e Amalia, mais tamén a Antonio Variaçoes. Ademais, ten o encanto engadido desa aceptación ou popularidade que vai crecendo aos poucos, de boca en boca até acadar un disco de platino. “E nem me falen do rock, dos samplers e as discotecas, nao entendo o hip-hop, e o que é top é uma seca!” myspace.com/deolinda. Distribúe Resistencia Pepe Cunha 4-xuño-09

john doe and the sadies country club

Bendita sexa a noite na que os irmáns Good de The Sadies e John Doe se prometeron gravar xuntos un disco. O membro fundador da banda punk de Los Angeles X John Doe ten forza e presenza a eito como vocalista e xa nos 90 comezara unha traxectoria en solitario achegada á música norteamericana de raíces. Pola súa parte, o combo canadiano está ben recoñecido como máis ca solvente banda de acompañamento nos mencionados parámetros (con Andre Williams ou Jon Langford dos Mekons ademais de discos de seu como o estupendo “New Seasons”, comentado aquí hai un par de anos). Entre os 15 cortes, unha puñada de clásicos (Roger Miller, Kris Kristofferson, Johnny Cash, Merle Haggard e mesmo X ) nos que a voz de Doe soa dramática e apaixoada, alonxada da impostura ou histrionismo. Sen inventar a pólvora, mais si aportando os seus estilos, John Doe and The Sadies regalan un álbum de country and western sen fendas. Non importa as moitas veces que teñas escoitado “I Still Miss Someone”, “Help Me Make It Through the Night”, “Detroit City” ou “Husbands and Wives”, pois desde a apertura con “Stop the World and Let Me Off” notas que este disco engancha. Máis aínda, nin os dous temas que non son antigos, "It Just Dawned on Me" e "Before I Wake", nin os dous refinados instrumentais dos Sadies, “The Sudbury Nickel” and “Pink Mountain Rag”, desmerecen en absoluto cos clásicos versionados, senón que manteñen ese ar vintage e ese arrecendo melancólico á mellor escola e tradición country. Non son poucos os que tentan estes achegamentos ás raíces. Porén, poucos saen tan victoriosos. Pepe Cunha 4-xuño-09

luis ramiro dramas y caballeros

Resulta habitual atoparse cunhas producións tremendas que enmascaran propostas bastante baleiras de contido. Porén, de cando en vez xorden excepcións tan salientables como a deste novo cantautor madrileño. Aquí hai trece temas propios elegantemente construídos con textos lúcidos, intelixentes, sensibles sen caer na noñería, inspirados por todo o que rodea as relacións sentimentais; a saber, amor, desamor, ruptura, loucura, esperanza, desengano. A esta materia prima sumémoslle a súa profunda e convincente voz, unhas aportacións instrumentais de categoría (trompetas, piano, chelo, violín) e unha produción de luxo ( os sabinistas Pancho Varona, Antonio García de Diego e José Antonio Romero) que aporta ese chisco de elegante comerciabilidade para chegar ao gran público . Para os despistados, isto é material de songwriter , c anción de autor actual, cun envoltorio musical que arreda calquera posible cheiro a guitarra de palo. Neste segundo disco oficial, Luis Ramiro presenta “un neceser de canciones, una bolsa de intenciones y dos maletas hasta arriba llenas de razones”. Si, un feixe de razóns para convertirse nun dos discos que deberían paliar o pésimo estado das listas de éxito españolas: os coqueteos co tango e a rumba dunha “Relocos y Recuerdos” encantará aos fans de Sabina; “La distancia” lémbrame a un Hilario Camacho máis pop; o rock de “Tonterías” e as baladas “Te quiero y te odio” ou “Sálvame” poderían entrar nalgún disco de Quique González; o sutil achegamento ao reggae de “Paraíso con gastos pagados”; uns Secretos máis ácidos en “Mientes” ... Máis aínda, a presentación física tamén está a altura. En resumo, recomendable para quen goce dos seus admirados Sabina, Quique González, Calamaro pero tamén coñeza a Carlos Chaouen. Edita Relocos Records e distribúe Factoría Autor. Pepe Cunha 4-xuño-09

two dead cats la curiosidad mató al gato

Segundo traballo destes mozos xerundenses, tras un LP de 2006 completamente esgotado e que os achegou a máis de 100 concertos en 4 anos, incluíndo visitas a Francia, Holanda, Bélgica o Alemania. Coa súa xuventude e escoitando a súa proposta non é de estrañar que se fale dun directo contundente e contaxioso, pois practican un rock directo, con enerxía post-punk e incita ao movemento, con guitarras afiadas, chiantes e agresivas ao estilo dos 70. Sen complicacións na sección rítmica e con ritmos e melodías moi marcadas, benefícianse do carismático estilo da vocalista Gemma, tamén aos teclados, aportando aínda máis enerxía. En “No Party City” lembránme aos primeiros B-52's e de "A girl like you" xa teñen un divertido videoclip. “The Cojin” ou “Chico remolacha” son dous temas de regalo en castelán que amosan unha liña algo máis espesa que as cancións máis actuais, polo que podemos dicir que gañaron en definición. A mestura e masterización tiveron lugar nos solventes Ultramarinos Costa Brava, onde gravaran os nosos The Homens con Santi García. A escasa media hora de “La Curiosidad mató al gato” está editado en CD con 6 temas + 2 bonus tracks en castelán, mais en vinilo aumenta a 10 temas. O entusiasmo e empeño da banda e a entusiasta discográfica Aloud Music ben merecen unha escoita porque apostan con gusto e orixinalidade: myspace.com/twodeadcats. Escoita ou descarga: Pepe Cunha 4-xuño-09

john doe and the sadies

luis ramiro

guadi galego
country club
deolinda
cançao ao lado
dramas y caballeros
two dead cats
la curiosidad mató al gato
benzón