

sara tavares xinti
"Sínteo" sería a tradución do título do terceiro álbum de estudio desta cantante portuguesa de orixe caboverdiano que recentemente nos cativou no festival Cantos na Maré. Estas cancións non son aptas para calquera ouvido. Son pezas para escoitar con calma -“un pouco máis de paciencia, un pouco máis de bo feeling” -, inzadas de mensaxes de reflexión e relaxación, de boas vibracións, positividade e harmonía. “Sumanai”, “Pé na estrada”, “Só d'imagina” ou “Bué” son delicados cantos ao amor, á espiritualidade, á alma, á natureza. Atmosferas íntimas, envolventes, sensuais, creadas por sons acústicos, orgánicos, cunha cálida voz, as cordas e unha suave percusión coma fío condutor. Hai chiscos de reggae, de soul (“Ponto de luz” ou “Di alma” lembran unha Sade máis africana), ritmos caboverdianos, coladeira, cavaquinho brasileiro, percusións africanas. Porén, a pesar de tantos bos ingredientes, a madurez de Sara Tavares neste disco achégase perigosamente a unha proposta abondo lineal en temática e sonoridade. http://www.saratavares.com . Pepe Cunha 9-xullo-09
the sunday drivers the end of maiden trip
Descoñecer a estas alturas a estes toledanos sería perderse unha das bandas máis solventes da música popular feita en España nos últimos anos, chámenlle indie ou cuasi- mainstream . Cunha proposta de corte clásico, unha mestura de corrente británico -Beatles, sen ir máis lonxe- e americana -dos Byrds aos Wilco-, seguen a crecer coma músicos neste cuarto álbum. Amósano ao ofreceren a súa colección máis variada e recuperaren un son máis directo e fresco que o do correcto pero recargado predecesor “Tiny Telephone”. Vale, talvez non repitan os temazos de “Little Heart Attacks” (“On My Mind”, “Often” ou a homónima dese segundo álbum), mais o nivel medio destas trece cancións é o máis alto da banda. Como primeiros elementos distintivos, manteñen a lengua inglesa e a voz de Jero -que segue a destacar por riba da media do panorama español-, aínda que Lyndon canta unha das súas aportacións, “Hold On to Love”. Un disco polo que viaxar, do que gozar unha vez tras outra, un pequeño tratado de clásicas influencias pop: “I” o “Specially (today)” tiran ao épico; “So What” xoga con sintetizadores e a psicodelia; “My Plan” coa distorsión; “Everything reminds me of you” e “Smile” soan breves e intensamente sinxelas como o power pop; “Passing You By” vai polo folk rock… A destacar tamén o ukulele de “(Hola) to see animals” e o espido colofón de “The End of Maiden Trip”, ademais dos pegadizos marca da casa. Pepe Cunha 9-xullo-09
nova galega de danza tradicción
A Nova Galega de Danza leva dez anos fusionando ao vivo a danza e a música de raíz galega e só por iso xa tería gañado un posto de honor na nosa produción cultural máis recente. Mais tras uns primeiros anos de traballo, foi no 2003 cando garantiron o recoñecemento grazas os espectáculos e o conseguinte CD “Alento”, que obtiveron a aclamación de público e crítica polo seu carácter renovador e a súa altísima calidade musical e estética. “Engado” (‘07) xa non foi tanta sorpresa, mais contribuiu á consolidación de tan recomendable proxecto. Agora “Tradicción” pon fin á triloxía, con Pedro Lamas asumindo a composición e a dirección musical. Entre os músicos, acompáñano outros nomes de diferentes formacións do país como Xabier Díaz, Suso Iglesias, Miguel Queixas, Juan Collazo, Ricardo Rozas e Toño Domínguez. falcatruada.com ; lonxacultural.com . Pepe Cunha 9-xullo-09
magnolia electric co josephine
Jason Molina xa é unha figura dentro do novo folk-country-rock. En 2003 tomou o nome do seu último disco con Songs:Ohio para este proxecto que agora presenta o cuarto traballo. Magnolia Electric Co. son unha formación sólida e regular que nos ofrece outra notable colección de cancións con regusto a folk e rock americano clásico. Comezan con piano e ventos en "O! Grace", sempre con voz e melodías coidadas, lembrando o mellor de nomes como Warren Zeavon, Willie Nelson ou mesmo Bruce Hornby. Co seguro na produción de Steve Albini, atopamos coidadas cancións sobre sentimentos de perda e atoparse fóra de lugar. O feito de que este sexa o primeiro álbum desde a perda do seu baixista -Evan Farrell, que morreu hai algo máis dun ano e inspira boa parte dos textos- xustifica máis o ar melancólico dunhas cancións ás que apertarse. Son para mergullar e emocionarse, non para ter de fondo. Myspace.com/ magnoliaelectricco. Edita Secretly Canadian e distribúe Houston Party. Pepe Cunha 10-xullo-09


