discos
comentados en xaneiro 2010
máis en arquivo

henrique peón cía. ovay

“Ovay dinlle os canteiros ao ousado que encara o perigo sen vacilar, ao que reclama orgulloso o que é seu e dos seus. É a valentía de enfrontarse á propia evolución, de reivindicar a identidade cultural renovada”. Sen dúbida, unha significativa denominación para o debut da compañía propia deste bailarín, profesor de baile e música tradicional galega e director desde 1981 do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina. Como testemuña desta produción do primeiro solo de danza galega, chéganos o pack de DVD + audio ”Ovay”, editado por Falcatruada. O DVD contén a representación do espectáculo en outubro do pasado ano no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. O CD coa música do espectáculo inclúe10 temas dirixidos e arranxados por Xosé Lois Romero (Nova Galega de Danza, o “Terra de soños” de Fuxan os ventos, Vaamonde, Lamas e Romero), que se encarga con Xesús Vaamonde de toda a instrumentación. O propio Henrique Peón participa cantando e tocando a pandeireta nestas melodías tradicionais tiradas do seu arquivo persoal, construído durante 30 anos de investigación etnográfica ás súas costas. Ao igual que acontece coa súa irmá, estamos ante un artista e estudoso que leva tradición e a innovación da man, con orgullo e con clase. Eis o vídeo OVAY promocional. Pepe Cunha 17-xaneiro-09

cosecha roja un par de cosas (1991-2000)

Quen seguides este portal sabedes da banda ourensá Burgas Beat, que leva editados nos últimos anos dous salientables traballos: “Ni una sombra en el horizonte” (Rock Indiana) e -en proxecto unido a Magín Blanco- “Clic” (PAI Música). Tres dos seus membros, entre eles Carlos Rego (vocalista, guitarrista e compositor principal), funcionaban ao longo dos 90 dentro de Cosecha Roja, cos baterías Aser Álvarez e Fernando Risco. Pois agora, dez anos despois da desaparición da banda, chega esta recompilación co fin de reivindicar unha traxectoria que acadou pouca ou nula presenza nos medios. Así, (re)escoitamos "clásicos" do seu repertorio canda pezas inéditas en CD ou calquera soporte e algunha maqueta. Ademais d os vintedous cortes, este digipack inclué un libriño de 16 páxinas con fotos, comentarios canción a canción de Carlos Rego, e boas palabras de selectos fans como Juan de Pablos (Flor de Pasión, Radio 3), Eduardo Ranedo (Radio Euskadi) e Fernando Gegúndez. Precisamente cos dous últimos comparte Rego páxinas na revista especializada en rock and roll Ruta 66, un dos poucos medios que soubo apreciar unhas notables composicións de saudable inconformismo vital , sempre musicadas nos gustos da escola do pop rock estadounidense (Dream Syndicate, Feelies, Jonathan Richman and the Modern Lovers, os primeiros Yo La Tengo…). Nunca é tarde para gozar de cancións que merecían maior recoñecemento, como “Vacaciones permanentes”, “El asiento de atrás”, “Se puede decir”, “Despedida”, “Corazoncito”... Masterizou Segundo Grandío no estudio "Casa de Tolos" e publicaron "Xiria-pop", "Hanky Panky Records" e "Peggy Records". Pepe Cunha 17-xaneiro-09

novedades carminha te vas con cualquiera

No 2008, cando apenas pasara un ano da súa formación en Madrid, este trío compostelá comezou chamar a atención co seu cassette autoeditado “Grandes éxitos”. O seu debut discográfico só era cuestión de tempo e chegou a finais do 2009 da man do resistente selo compostelán Lixo Urbano. Abren prometedoramente con “No uso condón” e inmediatamente vén á mente o punk puro e duro dos primeirísimos Siniestro Total, aínda que no lírico non sempre se acheguen ao inxenio da banda viguesa. Manteñen a liña con “Te vas con cualquiera” e deixan claro até o final que os seus textos se moven entre a provocación (“Me dices que me quieres, pero ¡qué puta eres!“ ou "Ponte rabuda") e a broma-chiste de "Échame gel", ou "L.A.L.I.N" (“todos los punkis nacen en Lalín… y se hacen pajas con Ramoncín”). Tendo en conta sempre unha actitude máis ou menos crible, aquí o máis parecido a un punk de crítica social ou de denuncia estaría en “Chulo, hortera y cumplidor” ou o ataque ao folkie e o bravú de “Mata ao teu pai”, un dos temas máis divertidos do disco, único en galego e que xa coñeciamos do compilatorio de bandas galegas “Vozes Novas”. Ademais dunha ducia de cancións, entre elas versións do “Prove my Love” dos Violent Femmes e o "Hey Hey Vigo" dos Siniestro, completan a escasa media hora con 3 bonus tracks do anterior “Grandes éxitos”, pero tamén un videoclip de “No uso condón”. Ademais dos temas mencionados, melodías como "Amor en el Courel" fan deste un aproveitable debut. Pepe Cunha 17-xaneiro-09

her only presence a brand new start

Luis Cifre escrebe, produce e masteriza nun estilo emo minimalista neste proxecto persoal chamado Her Only Presence.  Así, “a lo Juan Palomo”, con total independencia, cociña unhas cancións de corte acústico, folkie e apoiadas en programacións electrónicas deliberadamente sinxelas e unha voz débil, por momentos dolorosa ou pesimista. Neste seu terceiro álbum conta coa axuda nas voces de Laura Gómez de Lek Mun en “Interlude” e “We, we, We'll” e Antu Saltor en “Untitled” e “6”. Porén, en poucas ocasións racha cun ton xeral que peca de repetitivo ou monocorde. Independentemente do bo gusto que poida ter o artista, musicalmente as limitacións estilísticas -voluntarias ou non- son notorias, co que só os entregados ao xénero gozaron da meirande parte do álbum. Iso si, os menos afeccionados tamén poden atopar pezas tan aproveitables coma “Arms Up!” ou “With Violins”, emerxendo con máis forza na guitarra acústica e os coros. Eis “Arms Up! Ao vivo: www.vimeo.com/7379904 Pepe Cunha 17-xaneiro-09

novedades carminha

her only presence

henrique peón cía
te vas con cualquiera
cosecha roja
un par de cosas
a brand new start
ovay